O sector cultural e educativo da nosa terra pecha fileiras arredor da iniciativa popular Xabarín

mércores, 30 de setembro do 2020 S. P.

O sector cultural e educativo da nosa terra pechou fileiras este mércores 30 na Alameda da Santiago arredor da Mesa pola Normalización Lingüística e a súa petición ao Goberno galego para mellorar e ampliar a programación infantil e xuvenil na nosa lingua, unha petición que está a atopar a través da Rede, cunha recollida multitudinaria de sinaturas, múltiples apoios da cidadanía. A iniciativa Xabarín, pois así se coñece xa esta proclama, ten tamén unha marcada vertente dixital, posto que na solicitude ten un espazo predominante a posta en marcha dunha aplicación móbil con contidos para a rapazada.
Dúas ducias de profesionais da música, do audiovisual, do teatro e da industria editorial de Galiza, así como representantes de colectivos sociais e de todos os ámbitos do ensino do país arrouparon na mañá deste mércores, en Compostela, o lanzamento da Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular Xabarín impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística no Parlamento co obxectivo de instar ao Goberno galego a tomar as medidas precisas para mellorar a programación infantil e xuvenil en galego.
Entre as peticións concretas figura un incremento da grella infantil e xuvenil en galego a través dunha canle Xabarín, con programación “atractiva, actual, educativa e de produción galega”, dispoñíbel en todas as plataformas dixitais. A Mesa e o sector da cultura tamén reclaman, como dixemos, o desenvolvemento e posta en marcha dunha aplicación móbil actualizada que conte ademais con programas e xogos.
A secretaria xeral da Mesa, Celia Armas, recordou no acto de presentación, que a proposta tamén instará ao Goberno de Feijóo a adoptar as medidas e accións precisas para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego nas plataformas dixitais e que TVE emita con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa app para o público infantil. "O Goberno galego deberá tamén adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP - TVG en Galiza e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias", salientou.
O apoio do sector cultural concrétase na posta en marcha dun grupo impulsor da iniciativa popular no que están representadas as principais asociacións profesionais da cultura galega (AAAG, AELG, AGAG, AGEM, AGPI, AGPTI, Escena Galega, Músicas ao vivo e Asociación de Profisionais da Dobraxe); artistas de referencia para o público infantil e xuvenil como Fran Amil, Magín Blanco, Pepe Carreiro, Paco Cerdeira, Pablo Díaz, Gloria Mosquera ou Uxía Lambona e a Banda Molona; empresas da industria editorial, musical e das artes escénicas como Apiario, Baobab, Charlatana, Culturactiva, Editorial Galaxia ou Xerais; colectivos sociais como a Federación Galiza Cultura ou as ANPAS Galegas; e organizacións do ensino como Erguer, ANEGA, AS-PG, Nova Escola Galega, CIG Ensino, CSIF Ensino ou STEG.
15.000 sinaturas
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recordou na presentación que a petición reuniu a través da web preto de 15000 sinaturas, unha cifra acadada en pouco tempo que pon de manifesto, dixo, “unha clara unanimidade a prol da consecución da iniciativa”, e que cominou á Mesa a transformar o que inicialmente era só unha petición nunha iniciativa popular que cumprise todos os requisitos para poder ser debatida e aprobada no Parlamento. "Coidamos que é maneira máis eficaz de demostrar a nosa forza colectiva e de transformar en realidade a necesidade", afirmou Maceira.

PUBLICIDADE