O sector TIC apoia a posta en marcha en Ourense do centro galego de innovación da FP

venres, 18 de xaneiro do 2019 Redacción

A provincia de Ourense vai contar cun espazo de investigación, desenvolvemento e divulgación que impulse novos xeitos de formar: xeitos que tiran proveito directo das novas tecnoloxías dixitais. Estamos a falar do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional, en palabras da Deputación de Ourense e a Xunta, as súas principais impulsoras, “unha infraestrutura única na Comunidade”. O centro contará ademais co apoio de varias empresas do sector tecnolóxico-dixital, entre as que se contan Redegal ou Plexus, entre outras.
A iniciativa foi dada a coñecer onte nos seus detalles polo presidente da entidade provincial, Manuel Baltar, que lembrou que o centro “situará á provincia de Ourense no liderado da Formación Profesional en Galicia, o que suporá un gran impulso para o desenvolvemento do emprego xuvenil e para novas oportunidade laborais, así como maior capacitación e innovación para as empresas”.
Tamén fixo saber que o centro xa foi obxecto nas últimas datas do apoio unánime dun amplo abano de sectores empresariais, educativos e sociais, entre os que se conta o sector TIC. Sen ir máis lonxe, o pasado martes, Baltar reuníase na sede da Deputación con empresarios e asociacións representantes das principais firmas da provincia e de Galicia para “analizar as potencialidades que achegaría a implantación desta iniciativa en Ourense”, xuntanza que contou coa presenza de directivos de COPASA, UNVI, COGESA, Grupo Cuevas, Plexus, Redegal, Aníbal Blanco, Abanca, Grupo La Región, CEGASAL, as confederacións de empresarios de Ourense e de Pontevedra, o Círculo de Empresarios de Galicia, a Asociación de Pizarristas e ANFACO e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas.
Alén das devanditas entidades, participaron empresas e entidades ligadas aos sectores da construción, dos servizos financeiros, das novas tecnoloxías da información, da economía social, do motor e a fabricación de pezas, da loxística e transporte, da industria agroalimentaria e da industria extractiva.
Segundo se fixo saber na reunión, o centro ten amplo potencial para traer máis emprego, máis empresas e máis servizos para a provincia de Ourense.

PUBLICIDADE