O roadshow da fibra até o fogar de Telefónica chega estes días a Barro e Padrón

venres, 16 de agosto do 2019 Redacción

A praza de Macías en Padrón

O periplo tecnolóxico-divulgativo de Movistar pola nosa terra, encamiñado a mostrar á veciñanza as posibilidades e utilidades das redes ultrarrápidas de Telefónica, vai facer unha parada no concello de Barro, este venres 16 de agosto, en horario de 10:30 h. a 14:30 h., pola mañá, e de 16:30 h. a 20:00 horas, pola tarde. As instalacións móbiles do roadshow ficarán na contorna da piscina pública do Curro, en Barro. Ademais, o sábado e o domingo estará en Padrón, na praza de Macías, co mesmo horario. En ámbolos emprazamentos, persoal especializado da compañía de telecomunicacións explicará os beneficios das redes ultrarrápidas de Telefónica.
Estas redes destacan, en palabras da operadora, pola “súa alta capacidade e calidade de transmisión (o sinal é inmune ás interferencias externas e ás inclemencias meteorolóxicas), e por ofrecer a posibilidade de conectar varios dispositivos á vez coas mellores condicións de velocidade e calidade, gozar de contidos audiovisuais en alta definición ou videoxogos de última xeración”.
A xira
A xira de Movistar visita este verán 15 concellos galegos: 15 municipios beneficiados polo Plan de Banda Larga 2020 da Xunta de Galicia e o seu despregue de fibra até o fogar (FTTH), ámbito no que Telefónica resultou adxudicataria. Os días pasados, como lembraremos, o itinerario pasou por Pobra, Dodro, Rianxo, San Cibrao das Viñas, Fornelos de Montes e Arbo.
A listaxe total de concellos incluídos no plan de visitas é a seguinte: Riotorto, Culleredo, Pobra do Caramiñal, Dodro, Rianxo, San Cibrao das Viñas, Ponteceso, Vimianzo, Padrón, Barro, Esgos, Xunqueira de Espadañedo, Sarreaus e Fisterra. Estes municipios teñen en común que xa contan con cobertura de FTTH grazas aos plans da Xunta e do Estado. O obxectivo desta campaña é informar á poboación que xa pode dispor deste servizo.
Os veciños galegos interesados en coñecer se o seu municipio entra dentro destes plans, poden realizar as súas consultas a través do teléfono 1004 ou da páxina web movistar.es.
A fibra de Telefónica
Segundo engade a compañía, “a diferenza doutras tecnoloxías semellantes, a fibra de Telefónica chega até o propio fogar, é dicir, non utiliza cobre ou coaxial no último treito e, por tanto, non perde velocidade porque non é compartida con ningún outro cliente”. Amais, “conta cun largo de banda ilimitado e simetría na baixada e subida de datos”, amais de ser adaptábel a diferentes evolucións e necesidades (escalabilidade) e contar con capacidade para aumentar no futuro os Mbps actuais de forma ilimitada, explica a maiores Telefónica.
A iniciativa é unha de actuacións do Plan de Banda Larga da Xunta, adxudicada a Telefónica en marzo do ano pasado, e que facilitará o acceso a redes de máis de 100 Mbps a través de fibra óptica a 74.000 veciños de 181 concellos do catro provincias galegas. Estes despregues contarán cun investimento público de 14,2 millóns de euros, co-financiados nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
Grazas a esta medida, e ás contempladas no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA) do Estado, en 2020 máis de 513.000 galegos terán acceso a redes as ultrarrápidas de Telefónica, o que supón que, en ano e medio, o 80% da poboación de Galicia terá acceso a redes de máis de 30Mbps, “unha porcentaxe que se incrementará coas novas convocatorias estatais previstas”.

PUBLICIDADE