O roadshow da banda larga de Movistar chega a Fornelos de Montes

xoves, 8 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

O itinerario galego (roadshow) de Movistar, dirixido a divulgar as vantaxes e posibilidades das redes ultrarrápidas de Telefónica, está a percorrer este verán 15 concellos galegos: 15 municipios beneficiados polo Plan de Banda Larga 2020 da Xunta de Galicia e o seu despregue de fibra até o fogar (FTTH), ámbito no que Telefónica resultou adxudicataria. O itinerario, no que tamén participa o Goberno galego (a través de AMTEGA), vén de facer unha parada de varios días no concello de Fornelos de Montes. Os días pasados, como lembraremos, o itinerario pasou por Pobra, Dodro, Rianxo e San Cibrao das Viñas.
Así, de 10:30 h. a 14:30 h. e de 16:30 h. a 20:00 h, persoal especializado da compañía de telecomunicacións ficará mañá na praza da Igrexa, en Fornelos, para explicar os beneficios das redes ultrarrápidas de Telefónica, que destacan, en palabras da operadora, pola “súa alta capacidade e calidade de transmisión (o sinal é inmune ás interferencias externas e ás inclemencias meteorolóxicas), e por ofrecer a posibilidade de conectar varios dispositivos á vez coas mellores condicións de velocidade e calidade, gozar de contidos audiovisuais en alta definición ou videoxogos de última xeración”.
Segundo engade a compañía, “a diferenza doutras tecnoloxías semellantes, a fibra de Telefónica chega até o propio fogar, é dicir, non utiliza cobre ou coaxial no último treito e, por tanto, non perde velocidade porque non é compartida con ningún outro cliente”. Amais, “conta cun largo de banda ilimitado e simetría na baixada e subida de datos”, amais de ser adaptábel a diferentes evolucións e necesidades (escalabilidade) e contar con capacidade para aumentar no futuro os Mbps actuais de forma ilimitada, explica a maiores Telefónica.
A iniciativa é unha de actuacións do Plan de Banda Larga da Xunta, adxudicada a Telefónica en marzo do ano pasado, e que facilitará o acceso a redes de máis de 100 Mbps a través de fibra óptica a 74.000 veciños de 181 concellos do catro provincias galegas. Estes despregues contarán cun investimento público de 14,2 millóns de euros, co-financiados nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
Grazas a esta medida, e ás contempladas no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA) do Estado, en 2020 máis de 513.000 galegos terán acceso a redes as ultrarrápidas de Telefónica, o que supón que, en ano e medio, o 80% da poboación de Galicia terá acceso a redes de máis de 30Mbps, “unha porcentaxe que se incrementará coas novas convocatorias estatais previstas”, explica a operadora, engadindo que a xira Roadshow de Movistar e a Xunta está a visitar durante os meses de xullo e agosto un total de 15 concellos: Riotorto, Culleredo, Pobra do Caramiñal, Dodro, Rianxo, San Cibrao das Viñas, Ponteceso, Vimianzo, Padrón, Barro, Esgos, Xunqueira de Espadañedo, Sarreaus e Fisterra. Estes municipios teñen en común que xa contan con cobertura de FTTH grazas aos plans da Xunta e do Estado. O obxectivo desta campaña é informar á poboación que xa pode dispor deste servizo.
Os veciños galegos interesados en coñecer se o seu municipio entra dentro destes plans, poden realizar as súas consultas a través do teléfono 1004 ou da páxina web movistar.es.

PUBLICIDADE