O remate do Mundial xerou máis de 32 millóns de chíos en Twitter

martes, 15 de xullo do 2014 Redacción

Seguimos a voltas coas ramificacións e consecuencias do Mundial na Rede (unha gran pedra provocando ondas nun estanque que aínda chegan a nós a estas alturas, días despois do remate da competición). Se onte falabamos dos prognósticos acertados de Cortana respecto ao resultado da final e hoxe das implicacións das grandes citas na actividade en liña dos grandes sectores produtivos, agora é a quen da de dar conta, brevemente, do que provocou o remate do Mundial nas redes sociais. En Twitter, que é o servizo 2.0 que por norma amosa máis potencial á hora de reflectir en tempo real todo tipo acontecementos sociais (ao tempo que amplía as súas dimensións e achega novas lecturas), a final Arxentina-Alemaña xerou máis de 32 millóns de chíos.
Entre os chíos e rechíos máis salientábeis, cómpre destacar os que se fixeron acerca das mensaxes da FIFA anunciando a selección gañadora, ou ben a imaxe de Özil erguendo a Copa do Mundo ante os medios e os seareiros e ao carón dos seus compañeiros. A liña de actividade xerada polos seareiros da rede social durante o partido foi unha gráfica con picos, sendo os puntos máis altos os que coincidiron co gol de Götze (que xerou 556.499 chíos por minuto coa etiqueta #WorldCup) e máis co remate do partido e a confirmación definitiva da vitoria xermana (rexistráronse 618.725 chíos por minuto).

PUBLICIDADE