O receptor Miracast de Microsoft chega a España a un prezo de 69,99 euros

mércores, 11 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

O pasado outono Microsoft presentou un accesorio que permite recibir a través de HDMI a pantalla dun ordenador ou dispositivo móbil co que se comunique sen fíos empregando a tecnoloxía Miracast, no que algúns poden ver como unha alternativa ao Chromecast de Google, aínda que realmente é unha tecnoloxía bastante diferente (céntrase en empregar un televisor ou monitor como pantalla secundaria e non no streaming de contidos na Rede), e que saía á venda a un prezo de 59,95 dólares (53 euros) pero por desgraza a súa estrea en España non parece moi afortunada, xa que o prezo de venda do produto é de 69,99 euros.
O adaptador de pantalla sen fíos para Microsoft pretende que poidamos ver os contidos do smartphone, a tableta ou o portátil en pantalla grande, ou sexa, que sería simplemente un HDMI sen ríos, o que resulta de grande utilidade para a realización de presentacións profesionais e para o consumo audiovisual, destacando por ser compatible con Windows 8.1, Windows Phone, Android 4.2.1 e moitos outros sistemas que inclúan soporte da tecnoloxía Miracast.
Este accesorio mide 8.79 x 2,01 x 0,99 centímetros e pode alimentarse a través dun porto USB (o que resulta especialmente cómodo se o televisor ten un destes portos libres), sendo especialmente interesante para usuarios que conten cun smartphone compatible con Miracast un unha tableta Surface (ou semellante).

PUBLICIDADE