O público de Culturgal votará na Rede pola iniciativa máis innovadora e e de meirande potencial futuro

martes, 12 de novembro do 2013 Fernando Sarasketa

A nova edición de Culturgal, malia non tratarse dun encontro puramente tecnolóxico, vai vir cargada dunha serie de novidades TIC a ter moi en conta. De feito, xa é imposíbel albiscar un camiño futuro das industrias culturais galegas ceibe da intromisión das novas tecnoloxías da información e a comunicación. Unha intromisión que semella positiva en moitos dos casos. Culturgal, a Feira das Industrias Culturais da nosa terra, presentouse a semana pasada no Pazo de Cultura de Pontevedra e alí lembráronse cousas que xa sabiamos, como as datas de celebración (os dias 29 e 30 de novembro e 1 de decembro), o emprazamento elixido (de novo o dito Pazo) ou a importante caída de apoios orzamentarios, sobre todo dende o eido público. Porén, soubemos de salientábeis novidades, como o uso que se lle vai dar á web oficial de Culturgal para convocar a actividade do público e que este dea a súa opinión.
Por exemplo, serán os usuarios da páxina os que elixan por votación a entidade ou evento cultural máis destacábel do ano (o Premio do Público á iniciativa cultural máis innovadora e con meirande proxección de futuro e potencial asociativo). A este respecto, hai tres candidaturas: Asociación puntoGAL, Festival de Cans e Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Por certo que dende a páxina da feira xa se achega estes días, para quen queira velo, o programa ao completo (en formato pdf).
Volvendo á presentación dicir que contou coa participación do coordinador da Feira, Xosé Manuel Aldea, o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, e a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro. En representación da directiva de Culturgal acudiu Victor López, presidente de EGANET. Entre os temas que se trataron na presentación, tivo un espazo destacado o da idea da corresponsabilidade, que é por así dicilo o lema deste ano na feira galega e que vén máis a conto ca nunca por mor dos orzamentos reducidos ao que se ve reducido, hoxe en día, calquera acontecemento cultural de natureza independente. E Culturgal non é unha excepción. A corresponsabilidade, fixo saber Aldea, é unha meirande asunción por parte das entidades publicas e do público na organización e desenvolvemento de Culturgal. É dicir, consiste nunha toma de conciencia xeral sobre a importancia dun evento destas características. Por este motivo, pídese máis colaboración ca noutras edicións. Deste xeito, malia que a entrada de acceso xeral á feira seguirá sendo gratuíta, introdúcese o pago dunha entrada voluntaria a cambio da que os asistentes recibirán unha chapa distintiva de micropatrocinio. Ademais, os asistentes reforzarán a súa relevancia no desenvolvemento da feira a través doutras accións como a creación do Premio do Público, do que falamos máis arriba. Trátase, en palabras da organización de Culturgal, “dunha iniciativa da directiva da asociación para recoñecer iniciativas novidosas, con proxección de futuro, transversais e asociativas, que se relacionen directamente coa sociedade civil e fomenten a súa implicación”.
Na presentación, Aldea tamén fixo saber que se aumentou a contratación de stands e que a programación artística foi definida polas asociacións e empresas de Culturgal, deixando aproximadamente un 25% de espazo para as propostas emerxentes non vinculadas á industria. Os espazos da feira, “sen renunciar á idea da casa común da cultura,” simplifican os seus nomes: Espazo libro, Espazo carpa, Espazo infantil, Espazo libro, Espazo tecnoloxía e Espazo cinema.
Como é de agardar, as editoriais galegas tirarán proveito do evento para presentar as súas principais novidades. E tamén darase acubillo á presentación de proxectos de comunicación novos, como a revista Luzes, da man de Manuel Rivas, da que falamos os días pasados con motivo da chegada inminente do seu primeiro número e da posta en marcha da súa web. Igualmente darase a coñecer revista Oink, dirixida ao público infantil. Por outra banda, nun terreo tecnolóxico-audiovisual, celebrarase un maratón de webseries o sábado na tarde.

PUBLICIDADE