O público apoiou dende tódalas frontes a defensa da industria cultural galega proposta por Culturgal

luns, 3 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

A edición 2012 da feira da cultura galega, Culturgal, resultou ser todo un éxito: tanto de participación das nosas empresas do sector cultural e sectores lindeiros (incluído o das novas tecnoloxías da información) como de asistencia de público en xeral. Segundo fan saber os organizadores do salón celebrado en Pontevedra, esta quinta convocatoria conseguiu unha vez máis o apoio do público e a vontade de seguir medrando e sorprendendo á xente coa calidade e a biodiversidade cultural galega. Xulio Amigo, presidente da asociación Culturgal, cualificou de duplo o dito apoio: tanto polo feito de ter asistido (empresas e público) como polas achegas económicas recibidas dende múltiples canles, incluída a compra directa de produtos. Lembrar que entre as entidades organizadoras atopouse de novo EGANET, a Asociación Galega de Empresas Adicadas a Internet, dende a que consideran esta quinta edición “un avance para Culturgal e para o recoñecemento das TIC como ferramentas fundamentais para a mellora social e empresarial”.
A plataforma de empresas tecnolóxico-dixitais que dirixe Víctor López salientou tamén “a ampliación da presenza das TIC e a da implicación dos profesionais do sector”.
Manuel Bragado, presidente da AGE, destacou o aumento de actividades e público, “malia o recorte orzamentario” e recordou que “nun contexto no que o sector arrastra unha caída do 30% dende comezo de ano, que na feira non só se manteñan as vendas senón que medren é un gran éxito”. E proseguiu: “Culturgal está consolidado como evento de referencia para o sector e como a gran cita da primeira fin de semana en Pontevedra para o público, e agora só queda seguir medrando e seguir sorprendendo”.
Para o presidente de AGAPHONO, Cándido Meixide, “Culturgal é a feira de referencia para a posta en valor das creacións do sector musical, que está agora en pleno proceso de transformación e precisa máis que nunca da transversalidade”.
Ignacio Vilar, en referencia ao sector audiovisual Culturgal, dixo ao fío das valoracións desta nova convocatoria celebrada a pasada fin de semana que foi “a constatación de que a cultura neste país é un negocio rendible e con futuro; ver tanta xente dános ánimos para seguir neste oficio”. Juan Rodríguez, secretario de Escena Galega, salientou a importancia que supón para o sector das artes escénicas “esta oportunidade de achegarse ao público e compartir con eles as nosas preocupacións”.
Pola súa parte, o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, lembrou o potencial da feira galega, aglutinadora do noso sector cultural e de moitos outros eidos produtivos directamente relacionados, como un foco de vantaxes e beneficios para a propia industria pero tamén para o público participante e para o bo galego en xeral. Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra, afirmou que “nestes tres días intensos de Culturgal está recollida unha gran parte da realidade cultural do país”.
O compoñente TIC
A través da participación directa de EGANET na organización e máis da presenza de diferentes profesionais e empresas galegas do sector TIC no programa, a quinta edición de Culturgal tivo un compoñente tecnolóxico-dixital especialmente salientábel. Xa non só pola achega de iniciativas que, como GalApps, amosaron a rica (e enriquecedora) colleita das leiras onde se traballa coa cultura galega e as redes, senón porque practicamente calquera das propostas presentadas en Culturgal, a nivel xeral, tivo o seu reflexo ou pegada no plano virtual. Nun plano máis concreto, a nova edición do salón da cultura galega acolleu dúas mesas redondas e catro obradoiros sobre as TIC. Segundo nos lembraba o pasado 12 de novembro, en rolda de prensa, a organización deste importante encontro, “ninguén dubida xa da importancia que teñen na nosa vida cotiá as novas tecnoloxías, así que resulta obvio dicir que tamén teñen cada vez máis peso no eido da cultura e na súa difusión, de aí que as experiencias TIC tiveran que ter o seu espazo relevante no Culturgal 2012”. As accións tecnolóxico-dixitais de Culturgal centráronse na zona de Garaxe, e alí puidemos coñecer aplicacións lingüísticas para móbiles como a devandita GalApps e a súa nova guía social de tabernas, Imos?, das que temos falado en Código Cero con motivo da posta a disposición dos internautas da primeira e máis das vantaxes da segunda (é unha guía social e móbil sobre gastronomía e enoloxía galegas). Tamén houbo aplicacións para podermos carrexar no iPad os nosos cómics favoritos (Galaxia Cómic), unha nova canle dixital de R e Casa de Tolos para achegarnos música galega en directo (Tolemias) e plataformas para a xestión de públicos culturais (Culcities). Orama presentou, a maiores, unha canle de móbil gratuíta para a promoción de actividades socioculturais e Galaxia Tales unha plataforma de contos en rede. Own the Way, ademais, amosou en Culturgal en que consiste un sistemas de atención a usuarios en tempo real chamado RTUS. Tamén se lles explicou aos asistentes a natureza e obxectivos de LabRural e máis de Guifi.net, unha oportunidade esta última para afondar no que implica unha rede cidadá sen fíos que facilita a interconexión dos computadores no ámbito rural ou urbano.
A forza de todo o sector
A feira Culturgal está organizada por unha entidade da que forman parte as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (AGAPHONO), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET), Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI). A feira conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da AGADIC e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Concello de Pontevedra e do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e conta coa colaboración de máis de 30 entidades e empresas.

PUBLICIDADE