O proxecto galego XESTAL permite tomar as mellores decisións en xestión forestal

mércores, 20 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Este 20 de febreiro celebrouse na Coruña a presentación dun proxecto para a optimizar a xestión dos recursos forestais. Trátase do proxecto XESTAL, unha iniciativa que pon en xogo tecnoloxías que permiten ordenar os bosques e traballar con eles de maneira sustentábel mediante o seguimento a distancia: teledetección remota. En XESTAL, que foi dado a coñecer na sede do Instituto Tecnolóxico de Galicia, participan as empresas galegas Aeromedia, Cerna, Balidea e Greenalia; así como o devandito ITG e maila Universidade de Santiago.
O proxecto, que comezou en xuño de 2018 e rematará en setembro de 2020, está concibido para mellorar procesos clave na xestión de recursos forestais facilitando información actualizada e de valor engadido para achegar resultados óptimos na toma de decisións, no control e na execución das diferentes actuacións que implican os plans de ordenación forestal (podas, adecuación de pistas, etc.).
Os devanditos procesos serán posíbeis grazas ao desenvolvemento dun dron, o UAV Vtol, de á fixa e con capacidade de despegue e aterraxe vertical. Este aparello aéreo carrexa un sistema de teledetección embarcado que permitirá a captación de información en alta resolución, mantendo a máxima autonomía e o mínimo custo. “Ao utilizar vehículos aéreos non tripulados”, informou o ITG, “as mostraxes poderanse realizar a baixa altura, polo que a precisión das imaxes será moito maior; ademais, o custo e tempo de preparación dun voo non tripulado é moi inferior á dun tripulado”. Amais do devandito, o proxecto inclúe outro desafío: a reconstrución en 3D do terreo escaneado a gran velocidade.
Os resultados de XESTAL diríxense sobre todo ao desenvolvemento de produtos para a xestión de monte privado e será, ademais, unha ferramenta valiosa para dar soporte a procesos de sistemas de certificación forestal, como o FSC ou o PEFC.
As empresas e entidades integrantes
Aeromedia: referente en sistemas aéreos pilotados remotamente, ten a vertente dupla de fabricante e integradora de sistemas embarcados e prestación do servizo con RPA (automatización robótica de procesos). Desenvolveu e integrou máis de 40 equipos RPA para distintos usos e sensores embarcados no últimos tres anos, e ten gran experiencia en contornas forestais, agrarios e de emerxencias, entre outros.
Cerna Enxeñaría: consultora que desenvolve a súa actividade no ámbito da enxeñaría ambiental. Ofrece servizos integrais de xestión ambiental a empresas e explotacións agroforestais, así como ás diferentes Administracións Públicas.
Balidea: enxeñaría de software especializada no desenvolvemento de proxectos a medida e solucións de xestión de procesos. Empresa do sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), ofrece servizos de consultoría, desenvolvemento e integración de software e externalización tecnolóxica.
Greenalia: Greenalia Forest é a empresa do grupo responsábel da compra aos propietarios forestais e posterior comercialización dos produtos aos seus clientes. Actualmente xestiona un volume superior ás 600.000 toneladas ao ano. É un referente peninsular na actividade de fornecemento de materia prima forestal para diferentes actividades (celulosa, taboleiro, pellets, aserrado, produción de enerxía eléctrica, térmica, etc.).
Universidade de Santiago de Compostela: colabora a través do grupo de investigación Unidade de Xestión Forestal Sostible, un equipo de temática forestal que realiza actividades de investigación, así como traballos e proxectos para empresas e administracións públicas. Constituíuse a finais do ano 2001 por unha serie de profesores pertencentes aos departamentos de Enxeñaría Agroforestal, Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría, Edafoloxía e Química Agrícola. As principais liñas de traballo do grupo son o modelado do crecemento e a produtividade forestal, a biomasa forestal e plantacións enerxéticas, os chans e a nutrición forestal, a análise de estruturas de madeira, a sanidade forestal e os incendios forestais.
Instituto tecnolóxico de Galicia (ITG): fundación privada sen ánimo de lucro constituída en 1991 e emprazada na Coruña, recoñecida oficialmente como Centro Tecnolóxico Nacional. ITG forma parte do consello reitor da Federación de Centros Tecnolóxicos de España (FEDIT) desde o ano 2010 e Carlos Calvo, director xeral de ITG, presídea desde o ano 2015, representando os intereses de máis de 3.000 investigadores. O instituto achega solucións para a mellora competitiva a través de vehículos e sistemas aéreos non tripulados; tecnoloxías para a Industria 4.0, información a gran escala (Big Data), Internet das Cousas, redes de sensores e outras tecnoloxías emerxentes.

PUBLICIDADE