O proxecto galego Coperia bota man da IA para axudar ás persoas con COVID persistente

mércores, 30 de novembro do 2022 S. P.

Ourense acolleu este mércores 29 de novembro a presentación do Proxecto Coperia, unha iniciativa innovadora baseada na Intelixencia Artificial que busca poñer ao ao alcance da cidadanía as ferramentas máis punteiras para a abordaxe da COVID persistente. No acto participaron o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e máis o xerente da área sanitaria, Félix Rubial, que sinalaron que asas secuelas da “COVID supoñen un desafío ao que temos que facer fronte, e este proxecto servirá de estímulo para seguir avanzando na súa abordaxe”.
Comesaña salientou o esforzo que permitiu dotar a esta iniciativa dun orzamento de máis de 700.000 euros, coa conseguinte implicación da Axencia Galega de Innovación, co co-financiamento do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, no eixo REACT-UE, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID.
Segundo o conselleiro, Coperia promove o apoderamento dos pacientes “a través de ferramentas que lles resulten útiles no seu día a día”. Entre estes recursos destaca o uso de xogos para o móbil que maximizan o seu adestramento, no tocante á rehabilitación cognitiva.
Tamén salienta un sistema innovador que contribúe á monitoraxe en remoto, de cara á rehabilitación física, evitando desprazamentos ao centro hospitalario. O proxecto ten entre outras capacidades a de aprender aos usuarios a reportar un evento de fatiga para traballar na predición do limiar de exercicio que pode producirlles o episodio.

PUBLICIDADE