O proxecto europeo RuralSchoolCloud contará con participación galega

luns, 21 de outubro do 2013 Redacción

O proxecto de investigación europeo RuralSchoolCloud. Cloud Computing for School Networking & Learning (Computación na Nube para a Colaboración e a Aprendizaxe na Escola), que estudará metodoloxías e ferramentas TIC innovadoras no ámbito da educación en centros educativos rurais para mellorar a formación e colaboración de alumnos e docentes, contará unha vez máis con participación galega grazas ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) que coordinará a iniciativa, que aproveita experiencias cloud como Rede Escolas na Nube, posta en marcha en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación e a AMTECA nos CRA de Boqueixón-Vedra, Consuelo González de Vilaboa, Nosa Señora de Faro de Ponteceso e Amencer de Ribadavia, e que lle valeu prestixiosos premios como o EducaRed, Premio Iniciativa Emprendedora, que outorga o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) ou o I Premio Computer World Iberoamericano. Son precisamente estas escolas as que participarán nesta nova iniciativa.
A iniciativa contará ademais co apoio da firma informática compostelá Balidea Consulting & Programming e da compañía tecnolóxica HP, que colaboran tamén en iniciativas precedentes neste ámbito. O resto de socios pertencen a institucións educativas de Dinamarca, Grecia, Italia, Macedonia e Reino Unido con relación directa con centros educativos situados no rural ou en zonas con dispersión poboacional.
RuralSchoolCloud terá dous anos de duración e basearase no intercambio de experiencias entre escolas do rural de 6 países europeos, así como entre os axentes implicados en deseñar programas innovadores e proporcionar contornas de colaboración tanto para o alumnado como para os docentes. A partir delas, buscarase unha metodoloxía e ferramentas de traballo comúns, nas que se aproveitarán as mellores solucións desenvolvidas en proxectos anteriores, traballando sobre novas posibilidades da computación na nube e outras solucións TIC que xa se están a empregar nos centros educativos rurais europeos, con diferentes sistemas educativos, idades e características diferentes.
As solucións metodolóxicas e tecnolóxicas desenvolvidas serán levadas á práctica polas escolas (de educación infantil, primaria e secundaria) involucradas no proxecto, dous centros por cada país, co obxecto de acadar unha maior colaboración entre estes centros e, en definitiva, unha mellora da calidade do ensino.

PUBLICIDADE