O proxecto de marketing turístico Pilgrim viaxará a Silico Valley grazas ao programa YUZZ

xoves, 23 de xuño do 2016 Redacción

A startup tecnolóxica orientada á xestión e ao marketing turístico Pilgrim impulsada por Roberto Fraga Martínez e Lara Castelo Otero foi elixida como a mellor idea do centro YUZZ Universidade da Coruña e obtivo unha praza para viaxar a Silicon Valley xunto aos outros 48 participantes máis brillantes da actual edición de YUZZ, visitando empresas como Google, LinkedIn ou Facebook e asistindo a conferencias en prestixiosas universidades como Berkeley ou Standford. Os 49 gañadores visitarán tamén o Spain Tech Center (STC) -impulsado por Banco Santander, ICEX e Red.es-, cuxa meta é facilitar a implantación de PEME de base tecnolóxica española nun dos contornos máis dinámicos e competitivos do mundo, acelerando o seu proceso de internacionalización.
O xurado seleccionou o proxecto de Roberto Fraga Martínez e Lara Castelo Otero como o mellor do centro YUZZ Universidade da Coruña, espazo en que desde hai cinco meses 13 estudantes traballan no desenvolvemento das súas ideas empresariais co apoio da Universidade da Coruña, que tivo como coordinador local a José Sanjurjo, adxunto de Participación na Vicerreitoría de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria.
Pilgrim é unha suite tecnolóxica enfocada á xestión e ao marketing turístico. Na súa fase inicial está orientado cara o Camiño de Santiago, coa intención de permitir a súa escalabilidade a calquera ámbito do sector turístico. Integra tecnoloxías móbiles e sistemas de conectividade por proximidade, como os balizas sen fíos ou o NFC. Coa integración desta tecnoloxía e o desenvolvemento de aplicacións móbiles os establecementos chegan ao seu consumidor final a través de publicidade totalmente segmentada, enviada de forma eficiente e coa posibilidade de analítica e medición sobre todas as campañas e impactos. Ademais, o propio cliente poderá aproveitarse de promocións en tempo e ubicación real, saber a dispoñibilidade de prazas hoteleiras, das diferentes ofertas gastronómicas, diferentes eventos, consultar a información sobre os puntos de interese turístico, cultural ou social, realizar reservas de calquera tipo e mesmo realizar pagos sen necesidade algunha de levar diñeiro. Así mesmo, fai unha aposta pola realidade aumentada e os elementos interactivos como ferramenta de dinamización.
Por outras banda, 21Nexos, un proxecto de consultaría histórica creado por Balbina Gándara Antelo foi seleccionado como finalista para o premio YUZZ Mujer (patrocinado pola Fundación EY) e optará a 20.000 euros, mentres que Pilgrim, resultou finalista tamén para YUZZ Fintec (iniciativa da Área Corporativa de Innovación de Banco Santander) e poderá optar a catro meses de aceleración da súa idea nos espazos de innovación da Ciudad Grupo Santander.

PUBLICIDADE