O proxecto de cartelería dixital de Ribeira xa recibiu sete ofertas

xoves, 5 de decembro do 2019 Ana Rial

A licitación para o subministro, instalación, conexión, posta en servizo e explotación do vindeiro Sistema de Cartelería Dixital de Ribeira xa foi obxecto da presentación dun total de sete ofertas. Este sistema persegue ofrecer á cidadanía do concello barbanzán información relevante sobre eventos, municipal e turística por medio de seis paneis de alta resolución, tres interiores e tres exteriores. A mesa de contratación está mergullada no proceso de adxudicación deste contrato, que é dos denominados chave en man, para asegurar a realización da entrega totalmente equipada e en perfecto estado de funcionamento. O prezo base de licitación son 116.668’20 euros.
Trátanse de pantallas de información de alta resolución e gran formato, intelixentes e conectadas online mediante un reprodutor multimedia de contidos, con capacidade para transmitir fotos, vídeos, arquivos PDF, son, redes sociais e páxinas HTML, entre outros. Ademais, estes taboleiros dixitais estarán controlados mediante unha Plataforma Software de Control e Xestión de Contidos instalada en cloud, ou sexa na nube.
Con este sistema preténdese dispoñer dunha canle de comunicación para transmitir todo tipo de referencias sobre actividades culturais, campañas, eventos, feiras, lugares de interese para visitar, etcétera; así como emitir información procedente da cidadanía coma, por exemplo, actos de asociacións.
Todo indica que os paneis estableceríanse no interior do Concello, na entrada do mercado municipal e no recibidor do complexo polideportivo da Fieiteira. No que respecta ao exterior, colocaranse nas fachadas do Consistorio e da Sala Museo Municipal, así como no entorno da Oficina Municipal de Turismo.
Así mesmo, as pantallas a subministrar deberán integrarse coa estética dos edificios e do lugar en que se dispoñan.
Esta iniciativa enmárcase dentro da EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020, financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Adscríbese a liña de actuación deste plan denominada Modernización da Administración e Smart Village Ribeira.

PUBLICIDADE