O proxecto Smartiago colle impulso co proceso de licitación da súa oficina técnica

luns, 16 de xullo do 2018 Redacción

O Concello de Compostela iniciou a semana pasada o proceso de licitación da oficina técnica do proxecto Smartiago, a iniciativa local de cidade intelixente, posta en marcha para transformar a capital galega nunha urbe máis sustentábel e optimizada e mellor comunicada e xestionada. O alcalde Martiño Noriega informou dos detalles do contrato de licitación, que será de 565.000 euros, IVE incluído. Desa cantidade, o 80% procederá de fondos europeos FEDER.
Tamén lembrou que o proxecto aséntase nas prácticas de compra pública innovadora, que o Concello ten captados cinco millóns de euros para o programa (en virtude do convenio asinado co Ministerio de Economía) e que a Administración compostelá foi “a primeira do Estado en asinar un convenio co Ministerio de Economía para a captación de fondos europeos FEDER destinados ao fomento da compra pública innovadora, no período 2014-2020”.
Noriega engadiu que a primeira fase de Smartiago conta cun orzamento de case 6,2 millóns de euros, dos que 5 millóns proceden de fondos europeos, e unha duración estimada de catro anos. Nese prazo, “procuraranse o desenvolvemento de solucións innovadoras para as tres liñas estratéxicas definidas no programa”, apuntou, facendo un repaso por estas tres liñas: “A da xestión sustentábel e intelixente dos residuos sólidos urbanos, a da mobilidade intelixente sustentábel, e a do alumeado ornamental intelixente para a conservación do patrimonio”.
A segunda fase comezará coa implantación nos servizos municipais destas solucións, unha vez achadas. Este treito do camiño abordarase “integramente” con fondos propios. “Desta maneira”, manifestou, “o Concello converteríase no primeiro cliente dos investigadores que dean con esas solucións innovadoras, pero tamén sería socio parceiro que cobraría royalties no caso de que esas novas tecnoloxías foran contratadas por outras administracións”.
A oficina técnica do Smartiago contará cun orzamento de 565.000 euros ata o ano 2021. Desa cantidade, 452.000 procederá de fondos europeos FEDER e 113.000 serán achegados polo Concello de fondos propios. A súa creación estaba recollida no convenio asinado co Ministerio de Economía para desenvolver o programa.

PUBLICIDADE