O proxecto SICAPTOR, no que participa o CESGA, acada importantes fitos en pesca sustentábel

xoves, 13 de febreiro do 2020 Redacción

O proxecto SICAPTOR, destinado a introducir na pesca tecnoloxías avanzadas para avanzar en rendibilidade e sustentabilidade, vén de chegar ao seu remate tras un ano de investigación e intenso traballo arredor dun sistema electrónico de documentación de capturas totais que faga posíbel a xestión en liña, eficiente, dos recursos pesqueiros. O proxecto estivo coordinado polo Grupo de Enxeñaría de Procesos do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM). Como socios participou o Instituto Español de Oceanografía (IEO), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín (OPROMAR). Segundo indican, o proceso de investigación rematou con éxito acadándose importantes fitos en materia sustentábel.
Amais, contou coa colaboración da a Fundación Biodiversidade, do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, co-financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).
Respecto do cometido do CESGA, socio tecnolóxico do proxecto, centrouse en favorecer recursos ao sistema para o recoñecemento de especies (iObserver), no almacenamento e procesado de imaxes, no desenvolvemento e procesado de algoritmos de aprendizaxe profunda (Deep Learning) utilizando o supercomputador Finisterrae, así como na implantación da Rede Box, a interface que recolle a información alfanumérica procedente do iObserver e de datos do buque. Por último, o CESGA desenvolveu e implantou para SICAPTOR un xeoportal, a ferramenta online para a visualización, a análise e o modelado da información das capturas.
O obxectivo xeral do proxecto SICAPTOR era a mellora do sistema iObserver, dispositivo electrónico que se instala sobre a cinta de triado e obtén fotografías do peixe recollido, analizando cada imaxe para identificar a especie e estimar o tamaño e peso de cada exemplar. Esa información envíase en tempo real a un servidor en terra, onde se analiza e combina con modelos matemáticos para facer predicións do estado da pesqueira e xéranse mapas que permiten visualizar de forma sinxela.
Segundo explican as entidades implicadas, os principais fitos acadados ao abeiro de SICAPTOR foron a mellora do software e hardware do iObserver e a posta en marcha desta plataforma e das ferramentas de xeolocalización na actividade pesqueira. En termos máis concretos, logrouse máis dun 96% de acerto na identificación de 14 especies e un erro absoluto medio dun 4% para estimación do talle; amais os novos algoritmos permiten mellorar a identificación das especies incluídas no catálogo do iObserver.
Os principais beneficiarios destas melloras son os armadores, científicos e/ou lexisladores, quen terán máis facilidades para a toma de decisións en tempo real, identificar aquelas áreas de pesca que minimicen os descartes pesqueiros e desenvolver un regulamento eficiente que garanta a sustentabilidade dos recursos pesqueiros e o cumprimento da obrigación de desembarco.


PUBLICIDADE