O proxecto COVIDBENS, referente principal da futura plataforma de datos europea sobre augas residuais

martes, 23 de marzo do 2021 S. P.

Este luns 22 de marzo celebrouse un foro europeo para compartir experiencias arredor dos desafíos da COVID-19 e das principais propostas da comunidade investigadora do ámbito internacional para afrontalos. Trátase do encontro SARS-CoV-2 Monitoring employing Sewers. Designing the EU Sewer Sentinel System for SARS-CoV-2 (EUS4), organizado pola Comisión Europea. No marco desta experiencia, presentáronse os resultados do proxecto galego COVIDBENS, que foi cualificado como exemplo internacional para a detección de coronavirus a través das augas residuais.
No foro participou a investigadora do Grupo de Microbioloxía do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), Margarita Poza, que explicou os resultados do proxecto COVIDBENS (Monitorización de variantes do SARS-CoV-2 en augas residuais da Coruña), que lidera Poza e do que tamén forman parte os investigadores do CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña) Susana Ladra e Ricardo Cao. O proxecto está financiado pola empresa pública EDAR Bens, que se encarga do servizo de depuración de augas residuais da área da Coruña.
COVIDBENS é o primeiro modelo epidemiolóxico baseado en augas residuais que se podería adaptar para rastrexar a evolución da pandemia en calquera parte do mundo, monitorizando tanto aos individuos sintomáticos como aos asintomáticos, anticipando varios días a evolución do COVID-19 na poboación implicada.
A Comisión Europea pretende que os estados membros analicen as augas residuais e compartan os datos nunha plataforma europea para obter información sobre a evolución do coronavirus. Así, o proxecto COVIDBENS serviu de exemplo a nivel internacional, facilitando que a Comisión Europea tomase esta decisión.
A investigadora principal, Margarita Poza, sinala que “este modelo axuda a comprender, cun alto grado de fiabilidade, a verdadeira magnitude da pandemia nun lugar e nun momento dado, podendo utilizarse como ferramenta eficaz de alerta temperá para predicir brotes”.
COVIDBENS é un proxecto multidisciplinar que inclúe persoal experto en diferentes materias, financiamento de EDAR Bens e participación do INIBIC, o CITIC, o CICA e o CITEEC. Segundo destacaron as entidades impulsoras da iniciativa, “COVIDBENS conseguiu ser un importante fito na investigación científica galega”.

PUBLICIDADE