O proxecto AriSe emprega IA para o control das redes IoT futuras
venres, 26 de xullo do 2024
A Internet das Cousas xerará cantidades inxentes de información e as redes de comunicación precisan de máis capacidades para acubillar un aumento do tráfico sen precedentes, debido ás novas aplicacións pero tamén á incorporación de dispositivos sensores e actuadores ás infraestruturas das cidades intelixentes e aos obxectos cotiáns que nos rodean. Para apoiar esta demanda, despregaranse redes de comunicación ultradensas, un novo paradigma no que tamén se contemplan as nanocomunicacións, na que centos de miles de dispositivos a micro/nanoescala comunicaranse na banda de terahercios. Investigadores da UVigo traballan neste punto a través do proxecto AriSE (Redes ultradensas sen celas, redes IoT futuras e nanorredes), posto en marcha hai tres anos.
O proxecto, que afronta o reto da despregadura masiva de solucións de Intelixencia Atificial para o control e xestión da rede, das súas funcionalidades e dos seus servizos, foi seleccionado na convocatoria estatal de Xeración de Coñecemento, e que está a piques de concluír. Cun orzamento de 122.452 euros, está coordinado polo catedrático da Universidade de Vigo Francisco Javier González Castaño, director do grupo GTI e polo profesor da Universidad Politécnica de Cartagena Juan José Alcaraz. Xunto con eles, están implicados neste proxecto o catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática Felipe Gil Castiñeira e o catedrático da mesma área na Politécnica de Cartagena Antonio Javier García Sánchez, así como todos os investigadores sénior do grupo GTI, é dicir, Juan Carlos Burguillo, Enrique Costa, Cristina López Bravo, Pedro Rodríguez Hernández, Pablo Fondo, Silvia García Méndez e Francisco de Arriba, ademais dun investigador FPI, David Candal. Na investigación colaboran tamén os principais operadores españois xunto con dúas multinacionais que prestan o seu apoio. Ademais, o traballo que se realiza en AriSe coincide coa participación do equipo no proxecto NextPerception, da convocatoria H2020.
Segundo os investigadores, os avances na despregadura masiva de solucións de IA para o control e xestión da rede, xa presentes en diversos graos na 5G, sentarán os alicerces para as tecnoloxías post-5G ou 6G. Como explica González Castaño, “por primeira vez na historia, a capacidade das redes superará calquera necesidade de comunicación presente e previsíbel, achegándose á capacidade agregada dos sentidos dos seres humanos. O factor limitante xa non serán as redes, senón a capacidade de computación. Para a xestión destas redes a IA é esencial, sen ela “non se poderán manter os enlaces máis adecuados ás necesidades de cada servizo en todo momento sen afectar ás sesións de usuario, dadas as características das bandas empregadas”.
O punto de partida de AriSe era avanzar no deseño, análise e avaliación de algoritmos intelixentes escalábeis para optimizar a asignación de recursos en redes de acceso ultradensas. Tamén traballaron no desenvolvemento dun marco de xestión intelixente para a fragmentación de redes en redes ultradensas, baseado en métodos de Intelixencia Artificial e no deseño e implementación de arquitecturas que proporcionen comunicacións fiábeis, robustas e eficientes en redes ultradensas de Internet das Cousas (IoT) soportadas por técnicas de IA. Outra das liñas principais de traballo foi o deseño e optimización de redes ultradensas con técnicas de IA, así como o desenvolvemento de técnicas de IA para controlar as funcionalidades da rede, garantindo a calidade do servizo e a experiencia do usuario con capacidades de aprendizaxe en liña.
A piques xa de rematar o proxecto, o catedrático González Castaño explica que acadaron “resultados en IA aplicada ás redes celulares e redes mesh, a clave de 6G, incluíndo as novas bandas de THz”. Como ocorreu coas comunicacións 5G, destacan os investigadores, “espérase que as redes posteriores teñan un impacto revolucionario na produtividade, competitividade e creación de valor nos principais sectores de actividade económica”.