O programa podcast Aquí faltan páxinas reivindica as cantareiras de Gargamala

mércores, 7 de xaneiro do 2026 S. P.

A Praza de Abastos do Concello de Mondariz acolle este venres 9 de xaneiro ás 19:00 horas un novo faladoiro da terceira edición do programa podcast Aquí faltan páxinas, impulsado pola Deputación de Pontevedra para rescatar historias de mulleres que non adoitan ser contadas. Desta volta as protagonistas serán as mulleres de Gargamala, cantareiras, tocadoras e gardiás da tradición galega. A sesión poderase seguir dende Youtube e outras redes sociais.
O faladoiro terá unha duración aproximada de dúas horas e nela, ademais da deputada de Igualdade, Paula Bouzós, e a moderadora Marian Fernández, participarán Xulia Feixoo, Lealdina Amil e María González.
O faladoiro centrarase nas mulleres da pequena parroquia de Gargamala, en Mondariz, como grandes depositarias da tradición oral e musical da súa vila. Cantareiras, tocadoras e transmisoras de saber, “fixeron posible que sobrevivan romances, coplas ou cantos ao traballo ao reunírense en fiadas, seráns e festas nos que acompañan os labores do campo e as celebracións coas harmonías que sabían de memoria: desde cancións de berce ata pezas para bailes e procesións”, informaron dende a Deputación, engadindo que o faladoiro porá en valor a súa vitalidade e virtuosismo, así como o intenso traballo de recollida e divulgación realizado desde fai máis de 30 anos por investigadoras que se aproximaron a Gargamala na procura dun coñecemento directo.
A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros. Tralos xa desenvolvidos sobre as alfombristas, Juaniña do Porriño e as Nais contra a Droga, ao dedicado ás mulleres de Gargamala seguiranlle outros nos que se narrarán as historias da primeira alcaldesa de Galicia, Concepción Pérez Iglesias, das mulleres do mundo do viño, da soprano de zarzuela Matilde Vázquez, da fotógrafa e xornalista Corona González, da bióloga Marisol Soengas, da arquitecta Rita Fernández Queimadelos, da cineasta Cruz Risco e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.