O programa de Voluntariado Dixital acadou en 6 meses a adhesión de máis de 200 persoas e 74 entidades

luns, 27 de agosto do 2012 Raquel Noya

Dende a súa posta en marcha a comezos de febreiro deste ano, o Programa de Voluntariado Dixital da Xunta, dirixido a facilitar a inclusión das novas tecnoloxías e Internet na vida de tódolos galegos e galegas sen excepción, vén de sumar o apoio de máis de 200 persoas voluntarias, así como de 74 entidades colaboradoras tanto do eido privado como público.
Trátase de 42 entidades de acción voluntaria, 13 organismos colaboradores e 19 empresas do sector tecnolóxico, que nos últimos 6 meses asinaron distintos protocolos de colaboración para participar nesta iniciativa sen precedentes no noso país, e así rachar dunha vez coa fenda dixital existente.
No tocante ás máis de 200 persoas voluntarias (en concreto 202 que se animaron a colaborar nestes 6 meses) cabe destacar a súa axuda desinteresada ás devanditas entidades de acción voluntaria, a quen lles cederon parte do seu tempo e os seus coñecementos en materia tecnolóxica para levar a cabo proxectos relacionados coas TIC incluídos no programa.

Novos obxectivos
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Voluntariado, entidades que están detrás desta iniciativa tecnolóxica, teñen agora como obxectivo estender a oferta pública de alfabetización dixital a 3.500 persoas maiores e a oito federacións de persoas con discapacidade, para o que precisarán aumentar o número de persoas voluntarias, polo que abrirán unha segunda convocatoria para a adhesión a finais de setembro.
Tamén o vindeiro mes porase en marcha un grupo de traballo sobre Tecnoloxía social, accesibilidade e usabilidade, co obxectivo, din, de elaborar un Plan de Acción nesta materia “que cumpra a premisa de achegar as tecnoloxías a todas as capas da poboación para axudar a mellorar a vida das persoas”, afirmaron os seus responsables.