O programa Principia busca reter talento investigador en Galicia

mércores, 22 de febreiro do 2017 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, mantivo esta mañá unha reunión con representantes de entidades beneficiarias da convocatoria de 2016 do programa Principia, xuntanza que tiña como obxectivo recoller a opinión das entidades participantes (empresas, organismos públicos ou privados de investigación, universidades, fundacións e centros tecnolóxicos) e a súa experiencia no programa de cara a implementar melloras na convocatoria 2017 de dito programa.
Esta iniciativa da Xunta de Galicia ten o dobre obxectivo de favorecer a captación e retención de talento en Galicia e dotar ás empresas e centros de coñecemento de persoal cualificado que desenvolva proxectos de I+D+i, aumentando así a capacidade innovadora do tecido produtivo galego e, polo tanto, a competitividade na comunidade.
O programa Principia convocouse por primeira vez en xuño de 2016 e permitiu a contratación de preto de 140 mozas e mozos menores de 35 por parte de 57 empresas e organismos de investigación. A Xunta de Galicia achegou unha axuda de 10.000 euros por contrato, que debe ter unha duración mínima dun ano e unha dotación bruta anual mínima de 24.000 euros por beneficiario. O persoal contratado está a desenvolver a súa actividade en Galicia en tarefas de I+D+i aliñadas cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).
De cara a 2017, a Xunta de Galicia busca fortalecer e mellorar esta convocatoria, primando o emprego de calidade, polo que se favorecerá a contratación indefinida, as mellores condicións salariais e a existencia de plans de formación nas entidades receptoras. Así mesmo, ten previsto incorporar unha nova liña que fomente a retención e captación do talento innovador nas nosas empresas e centros de coñecemento, tal como anunciou onte o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no Parlamento de Galicia.
Esta iniciativa complementa a outros programas que tamén tiveron gran impacto na captación e retención de talento en Galicia, como o programa Oportunius, os contratos programa con centros tecnolóxicos e fundacións sanitarias ou as Unidades Mixtas de Investigación.

PUBLICIDADE