O programa IGNICIA facilitará o salto ao mercado dos resultados da investigación galega

venres, 19 de febreiro do 2016 Redacción

Esta mañá presentouse na Coruña o programa IGNICIA, un fondo de proba de concepto baseado no éxito da metodoloxía creada e desenvolta pola Fundación Barrié, que permitirá impulsar a posta no mercado do coñecemento xerado polos investigadores galegos. No acto participou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado polo presidente da Fundación, José María Arias; ante investigadores e representantes de centros de investigación de toda a nosa comunidade autónoma Conde avanzou que até 2020 a Xunta de Galicia achegará un total de 7 millóns de euros, dos que 1,65 millóns corresponderán a este mesmo ano. Esta contía inicial permitirá apoiar a entre seis e dez proxectos, abríndolles “unha verdadeira autopista ao mercado” con apostas que oscilarán entre os 120.000 e os 200.000 euros.
O conselleiro defendeu que a Xunta contribúe por partida dobre ao incremento da competitividade e do crecemento económico de Galicia: por unha banda, dinamizando a posta en valor dos resultados de investigación xerados en Galicia, e, por outra, obtendo retornos económicos que serán reinvestidos en servizos públicos, salientado que “esta iniciativa reforzará as nosas prioridades básicas: emprego, emprego de calidade e sostible”.
Esta ferramenta permitirá verificar se unha idea ten opcións reais de ser implementada a nivel industrial para xerar rendibilidade no mercado, aproveitando todo o potencial do coñecemento xerado nas tres universidades, no sistema de saúde a través das fundacións hospitalarias, nos centros do CSIC, no Instituto Español de Oceanografía en Galicia, e nos centros tecnolóxicos galegos.
O IGNICIA recolle a exitosa experiencia levada a cabo durante os cinco últimos anos pola Fundación Barrié a través do seu Fondo de Ciencia, do que teñen nacido iniciativas de éxito como Scape, Quorum Quenching, Torusware, e a biotecnolóxica Nasasbiotech. A partires deste ano, a Xunta asume a xestión desta iniciativa, e a Barrié continuará achegando o seu coñecemento e a experiencia adquirida ata o de agora.
Os proxectos serán seleccionados con base en rigorosos criterios baseados, entre outros factores no grao de innovación da solución proposta, no potencial para xerar retornos económicos, e no compromiso do grupo de investigación coa comercialización dos seus resultados. A partir de aquí, a Xunta apoiará os promotores na posta en marcha dunha nova empresa en forma de spin-off, ou na cesión do dereito de explotación da patente por parte doutra empresa.

PUBLICIDADE