O programa E-Dixgal adoptará un modelo híbrido

xoves, 8 de maio do 2025 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, anunciou en convocatoria de prensa que a Xunta introducirá no curso 2025-2026 unha serie de melloras no programa E-Dixgal co propósito de avanzar cara a un modelo educativo híbrido, que combine en equilibrio o uso das novas tecnoloxías e os materiais impresos. Entre outras medidas, dotaranse os centros E-Dixgal de libros de texto, que se prestarán de xeito gratuíto ao alumnado en función da renda familiar.
A revisión e actualización do programa desenvolverase en dúas fases, a primeira das cales comezará en setembro, cun obxectivo claro: adaptar E-Dixgal á evolución pedagóxica e social. Este «primeiro paquete de melloras» irá ampliándose progresivamente e abrangue cinco grandes ámbitos identificados tras un exhaustivo traballo de campo con docentes e familias: contidos e materiais, formación do profesorado, benestar dixital do alumnado, seguridade e apoio ás familias, e optimización da xestión do programa.

Aplicación progresiva e nova normativa

A primeira fase das melloras comezará no curso 2025-2026 e terá continuidade no 2026-2027, coincidindo coa entrada en vigor da futura Lei de educación dixital, que regulará este modelo híbrido. Está previsto que o borrador do texto estea listo tras o verán, para iniciar a súa tramitación. Nese mesmo curso, tamén se licitarán novos contratos para editoriais que combinen contidos dixitais e impresos.

Novidades en libros e contidos dixitais

Desde setembro, os centros integrados en E-Dixgal poderán incorporar ata tres libros de texto en Primaria en materias de libre elección, combinando así manuais impresos con recursos dixitais. A Consellería facilitará a súa adquisición mediante fondos específicos e seguindo os criterios de renda xa existentes.
En Secundaria, onde xa se combinaban ambos tipos de recursos, tamén se habilitarán estas axudas. As familias con renda per capita igual ou inferior a 6.000 euros poderán recibir ata tres libros en Primaria e dous en Secundaria. As de entre 6.000 e 10.000 euros, ata dous libros en Primaria e un en Secundaria. Entre os 10.000 e os 30.000 euros, beneficiaranse de novas desgravacións fiscais.
Ademais, ampliarase a oferta de contidos dixitais a través da plataforma cREAgal, na que o profesorado comparte recursos propios. Incorporaranse tamén materias con contidos en inglés, a petición dos centros, e revisaranse os materiais existentes.

Medidas complementarias

O profesorado disporá dun itinerario formativo específico sobre o modelo híbrido, e tamén se elaborarán guías e recomendacións didácticas desde o Centro de Innovación Educativa e Dixital.
En canto ao benestar dixital, a Consellería iniciou a elaboración dun plan con expertos en pedagoxía, pediatría, psicoloxía e tecnoloxía, co obxectivo de previr o uso prematuro ou excesivo dos dispositivos e garantir un uso saudable nas aulas. A Sociedade Galega de Pediatría colaborará neste proceso.
NN eido da seguridade, reforzarase a formación do alumnado en navegación segura e protección da privacidade a través de programas como Iniciación segura á pegada dixital, Navega cun Rumbo ou Contigo na rede.
Finalmente, reforzarase a figura da persoa coordinadora de E-Dixgal, que disporá de redución horaria recoñecida, e melloraranse os sistemas técnicos de xestión e acceso aos contidos.