O profesor da Universidade da Coruña Guillermo López Taboada, distinguido polo COETG-AETG

luns, 29 de outubro do 2012 Redacción

Entre as achegas á innovación e á investigación TIC, na nosa terra, recoñecidas o pasado venres 26 polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia no marco da súa Noite, atópase o traballado despregado arredor da linguaxe Java polo profesor do departamento de Electrónica e Sistemas da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, Guillermo López Taboada, que foi galardoado no dito encontro profesional (celebrado na Illa da Toxa, no Gran Hotel) co Premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector das Tecnoloxías de Información e as Comunicacións.
O premio, patrocinado pola Fundación Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), e outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), forma parte dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.
A tese premiada, titulada Design of Efficient Java Communications for High Performance Computing, e dirixida polos profesores Juan Touriño Domínguez e Ramón Doallo Biempica, propuxo unha tecnoloxía que acelera o rendemento das comunicacións en aplicacións Java. “Este resultado”, informa a Universidade da Coruña, “amosa un gran potencial nos ámbitos TIC, militar, aeroespacial e en servizos financeiros”. De feito, engade a institución, no seo do Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC estase a traballar na aplicación desta tecnoloxía a través do proxecto HPC4HPT: High Performance Computing for High Performance Trading, financiado polo Fondo de Investimento en Ciencia da Fundación Barrié. O xurado valorou como razóns determinantes para outorgar esta distinción a innovación do traballo, o seu potencial, a alta tecnoloxía desde Galicia para o mundo, e o esforzo na comercialización e o licenciamento, principalmente en Estados Unidos e Reino Unido.

PUBLICIDADE