O profesor da UDC Ricardo Cao, editor xefe da revista referente en estatística non paramétrica

mércores, 4 de xullo do 2018 Redacción

Ricardo Cao, profesor da UDC (Facultade de Informática) e investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC), vén de ser elixido editor xefe da revista referente (a nivel internacional) en materia de estatística non paramétrica e semiparamétrica e as súas aplicacións noutros ámbitos (ciencias, enxeñaría, medicina, humanidades). Estamos a falar da revista Journal of Nonparametric Statistics. Cao foi seleccionado polo consello executivo da entidade que achega a dita publicación, a American Statistical Association. O investigador ostentará o posto durante o trienio 2019-2020.
Segundo explica a UDC, a JNPS publica catro números anuais que inclúen artigos de investigación especializados sobre os devanditos ámbitos, desenvolvidos polas investigadoras e investigadores máis sobranceiros dos mesmos. O actual editor xefe é o profesor Jun Shao (Department of Statistics, University of Wisconsin-Madison, USA).
O panel editorial do JNPS está composto por preto de corenta editores asociados de universidades e centros de investigación de todo o mundo: máis da metade corresponden a universidades de EEUU e Canadá e tamén forman parte deste panel de editores asociados, investigadores de Europa e Asia. O labor do editor xefe e o seu equipo de editores asociados é coordinar a avaliación científica dos artigos enviados por autores de todo o mundo para a súa posíbel publicación na revista, mediante un mecanismo de revisión anónima por pares.
A UDC lembra que entre as tarefas específicas do editor xefe están “a coordinación da política editorial da revista, no eido científico da estatística non paramétrica”, detectando novos campos de desenvolvemento e aplicación desta rama da estatística; a proposta de novos editores asociados que formen parte do panel editorial da revista; a asignación de artigos recibidos aos editores asociados para xulgar sobre a súa posíbel aceptación por parte da publicación; e a decisión final sobre a aceptación ou rexeitamento da publicación dun artigo de investigación.
Para quen non o saiba, a estatística non paramétrica é un recurso clave para a ciencia de datos, e é, con toda probabilidade, a rama da estatística máis próxima á intelixencia artificial. Os seus métodos abranguen, entre moitos outros, os modelos non paramétricos de regresión (que permiten descubrir relacións entre variábeis, como a relación entre os gastos de aluguer da vivenda dunha familia e os seus ingresos, o número de membros da familia ou características da propia vivenda) ou os métodos de clasificación non paramétrica (que permiten predicir a clase á que pertence unha futura observación a partires de variábeis explicativas relacionadas, como acontece en problemas médicos na diagnose dunha doenza a partires dos síntomas observados nun paciente e os seus valores de variables clínicas).

PUBLICIDADE