O profesor da UDC Alberto Varela, premio Gradiant á Mellor Tese aplicada ao sector TIC

venres, 31 de outubro do 2014 Redacción

Entre os profesionais recoñecidos na pasada edición da Noite Galega das Telecomunicacións (convocada pola AETG-COETG) atópase Alberto Varela García, investigador da Escola de Camiños da Universidade da Coruña, profesor de Enxeñaría Cartográfica e autor do traballo Análise xeoespacial para a caracterización funcional das infraestruturas viarias en modelos de accesibilidade territorial utilizando sistemas de información xeográfica, que precisamente lle valeu na dita convocatoria o premio Gradiant á Mellor Tese aplicada ao sector das TIC. Segundo lembra estes días a UDC, o xurado valorou como razóns determinantes desta distinción “o seu potencial xerador de avances na enxeñaría civil mediante a aplicación das TIC”.
Ademais, engade a Universidade, tívose moi en conta a proposta do traballo para “un mellor aproveitamento das infraestruturas viarias, amais da súa contribución á xeración de novas patentes e iniciativas empresariais”.
Como lembraremos, este galardón e todos os que complementan as listaxe dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2014 foron entregados no transcurso da XIX Noite Galega das Telecomunicacións.
O galardón está dotado con 2.000 euros. Grazas ao método que propón a tese de Varela, informou o centro tecnolóxico que dá nome e impulsa este galardón en concreto (Gradiant), é posíbel “asignar múltiples parámetros a cada sección do viario, procedentes de distintas fontes de datos a través de diferentes tecnoloxías, e tratalos de xeito conveniente para xerar nova información a partir deles”. Asemade, permite levar cabo simplificacións xeométricas dos datos establecendo treitos de xeito telemático e segundo os aspectos que se precisen, sendo o obxectivo disto acadar un manexo máis doado da información sobre os SIX (Sistemas de Información Xeográfica) e executar sobre ela variadas técnicas de análise”.

PUBLICIDADE