O primeiro picosatélite galego comezará a fabricarse en outubro deste ano

luns, 4 de maio do 2009 Raquel Noya

O Cubesat Developers Workshop, unha cita anual de presentación de iniciativas tecnolóxicas que organiza a universidade californiana de Calpoly, vén de dar acollida á presentación internacional do que vai ser o primeiro picosatélite galego (e primeiro “cubesat” a nivel estatal), o Xatcobeo, que actualmente se atopa en fase de deseño para ser construído, previsiblemente, en outubro deste ano.
O proxecto deste picosatélite galego está a ser desenvolvido por estudantes das escolas de Telecomunicacións, Enxeñaría Industrial e Informática da Universidade de Vigo, co apoio da Xunta de Galicia e, segundo vén de explicar o seu principal responsable, Fernando Aguado, a fase de revisión crítica do mesmo está prevista para o periodo maio-xuño, “de cara a poder fabricar e integrar o satélite en outubro”.
Estes prazos sinalados por Aguado permitirán, segundo ten prevista a organización, ter o satélite listo para o seu lanzamento en decembro de 2009, nembargantes, os investigadores prevén que esta data oficial “sufra un atraso de varios meses” e que se lance no segundo ou terceiro trimestre de 2010.

PUBLICIDADE