O primeiro cómic para Android é dunha autora galega

venres, 27 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

O primeiro número de Hexed nun T-Mobile G1 (HTC Dream)

A novena arte leva un tempo xogando cos medios dixitais para ver se os novos soportes poderían mellorar as cifras de negocio do sector do cómic, e aínda que ningunha desta iniciativas revolucionarias está a consolidarse, iso non impide que continúen a innovar e experimentar, sendo os BOOM! Studios os que, xunto a iVerse Media, queren abrir unha nova canle de explotación: os comics para os móbiles baseados en Android.

O interior do nº 1 de Hexed no iPhone

O primeiro cómic en sumarse ao Android Marketplace foi o primeiro número de Hexed, que tamén está dispoñible de balde para PC e para o iPhone (descargable como aplicación), e que temos que destacar especialmente por estar ilustrado pola galega Emma Ríos, que está a facer historia con esta colección que parece ser a elixida por BOOM! Studios para experimentar cos novos soportes, o que implica unha confianza pola obra que este mes estreou o seu segundo número.
A versión do número 1 de Hexed para Android descargouse máis de 10.000 veces nas primeiras 48 horas, e conseguiu unha puntuación media de 4,72 sobre 5 (a partir de 600 votos). Amais, dende o estudo aseguran que recibiron centos de correos electrónicos non só falando ben do cómic, senón pedindo máis, polo que o valor promocional desta canle de distribución é innegable.
Hai que admitir que ler comics na pantalla dun terminal con Android ou dun iPhone non é unha experiencia comparable á lectura en papel, pero permite un achegamento a obras novas, que coma no caso que nos ocupa, resultan moi prometedoras.


Demostración do funcionamento do lector de comics de iVerse Media para o iPhone

PUBLICIDADE