O primeiro Hackathon DESTInno premiou tres contribucións galegas ao turismo smart

martes, 16 de abril do 2019 Redacción

O proxecto galego Desafío Domingo Fontán, videoxogo de turismo que consiste en achegar unha serie de retos aos visitantes que estes deberán ir superando para recibir premios, recibiu os días pasados o recoñecemento do primeiro Hackathon DESTInno, desenvolvido (no marco das segundas Xornadas TuristTIC de Pontevedra) co obxectivo de distinguir as mellores solucións tecnolóxicas que nos promovan e impulsen no mundo. Amais, as aplicacións Niiru e Rondar leváronse o segundo e o terceiro premio nunhas xornadas que converteron o Verbum de Vigo en referente galego, estatal e europeo do turismo intelixente.
Os galardóns foron entregados polo presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González, polo presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez e polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto ao delegado da Zona Franca, David Regades e a presidenta da Deputación de Pontevedra, entidade organizadora de TurisTIC. Carmela Silva felicitou aos gañadores, pero tamén ao resto dos 28 proxectos que competiron neste primeiro Hackathon e que, nas súas palabras, “veñen a demostrar o enorme talento que hai nesta provincia”.
Como dixemos, o primeiro premio de Hackathon DESTIno, que duplicou a cifra de participación prevista, foi para o proxecto Desafío Domingo Fontán no que participaron Celso Gómez Corbal, Luis Eduardo Castro Rodríguez e Jarold Meléndez Lugo. Esta aplicación achega retos ligados a recursos turísticos, a xeito de probas que cómpre superar, co fin de recibir premios e acceder a novos recursos e informacións. Segundo se fixo saber, trátase dunha aplicación dinamizada socialmente, de maneira que a través dela é posíbel desafiar a outras persoas usuarias no marco dos diferentes retos temáticos que propón.
Pola súa banda o segundo premio recaeu no proxecto Niiru, no que participaron Óscar Casal Rodríguez, Alejandro Martínez, Carlos Rodríguez López e José Gadea Santos. A tecnoloxía consiste nunha aplicación baseada en información masiva (Big Data) que recompila todos os intereses que xorden á hora de planificar unha viaxe e propoñen rutas acordes a eses intereses.
Finalmente, o terceiro premio foi para Rondar cunha proposta deseñada por Beatriz Gil, Daniel Rodríguez, María Rodriguez e Elena Jiménez. Rondar, segundo salientou o xurado, destaca por ser unha ferramenta centrada no target específico das persoas maiores de 55 anos, os senior-millennials, co obxectivo de incluílas nunha proposta de turismo intelixente centrada na planificación de rutas e de propostas gastronómicas.

PUBLICIDADE