O presidente de Protégeles lembra en Santiago que os accesos á Rede entre adolescentes xa romperon límites

martes, 29 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

Nos nenos, en cuestión de uso de redes sociais e Internet, desapareceu xa o termo “até mañá”, dirixido tanto aos contactos como á propia Internet. É máis: a conexión é permanente. Así se expresou este martes Guillermo Cánovas, presidente da Fundación Protégeles, no seu relatorio no marco da xornada O uso responsable de Internet e as novas tecnoloxías entre os adolescentes, que se desenvolve ao longo deste martes (mañá e tarde) na Cidade da Cultura da Santiago da man do Valedor do Pobo e a USC.
Segundo fixo saber, o nivel de cousas en materia de adicción ás TIC entre os menores de idade é tan preocupante que xa non serven as enquisas empregadas hai poucos anos para valorar esa incidencia, enquisas nas que se se incluían como opcións a sinalar -a sinalar no parámetro de duración media de conexión ao día- treitos de tempo pequenos de máis. Agora, dixo, “xa non contestan” porque moitos deles están practicamente conectados durante toda a xornada.
Cánovas animou aos presentes a estudar que cambios está a imprimir na nosa vida e no noso comportamento este uso en certos casos desmedido das novas tecnoloxías. Tamén incidiu noutro feito a ter en conta, que é a falta de preocupación que teñen os menores de idade respecto das repercusións que vai ter nas súas vidas un mal uso das TIC, entendéndose por mal uso o uso sen conto ou o emprego destas ferramentas para facer dano aos demais. Neste senso, dixo, estamos obrigados a actuar, temos esa responsabilidade, como en calquera outro ámbito da vida.
Cánovas tamén sinalou que hai estudos que teñen localizada a zona de cerebro dos adolescentes que máis actividade rexistra ante un rexeitamento dos seus compañeiros, que é precisamente a mesma zona do cerebro que máis relación garda coa cuestión da supervivencia. Tendo en conta isto, podemos facernos unha idea do importante que resulta para os menores de idade a súa reputación dixital. Ao fío do devandito, é doado supoñer que os esforzos que van desenvolver nas TIC para acadar a arelada inclusión e a ansiada aceptación social, serán esforzos importantes que deixen de lado outras moitas cousas. Isto, engadiu, lévanos a pensar en que a raizame do problema está ben afincada na colectividade. “Os mozos”, dixo, “non corren riscos estando a soas, senón cando están en compaña dos seus amigos e iguais”. En conclusión, engadiu, “aos adolescentes lles preocupa tanto a súa reputación dixital, que están dispostos a sufrir riscos extra que noutra situación nunca asumirían”. As redes sociais son un caldo de cultivo para estes comportamentos de perigo “e están a xogar un papel moi importante no desenvolvemento da identidade grupal e persoal dos menores de idade”, explicou.
Lembrou tamén que Internet é un entorno novo no que os adolescentes pasan xa máis tempo ca na propia escola. Cánovas non quixo xulgar negativamente Internet, pero dixo que debe haber alternativas, contornas complementarias. As redes sociais dan unha oportunidade a moitos adolescentes para que amosen realidades alternativas de si mesmos, cousa que está, sinalou, a un paso do problemático se a realidade da que queren fuxir é a todas luces adversa.

PUBLICIDADE