O potencial da computación na seguridade e na defensa, ao detalle o mes vindeiro na FIC
mércores, 26 de novembro do 2014
O 15 e 16 de decembro
celebraranse na Coruña, na Facultade de Informática, a segunda
edición das Xornadas
sobre Seguridade, Defensa, Tecnoloxías Matemáticas e
Computacionais, uns encontros que buscan xuntar canles e ligazóns
entre tecnoloxía matemática e numérica e os ámbitos empresariais
dirixidos á protección en calquera das súas moitas manifestacións
(farase especial fincapé na protección da poboación ante desastres
e ameazas de tipo natural). As xornadas abranguerán relatorios e
unha mesa redonda na que se debaterá sobre o potencial da tecnoloxía
matemática e numérica como ferramenta de innovación nos devanditos
ámbitos. Detrás destes encontros atópanse entidades e centros
tecnolóxicos como o CITIC, o CESEDEN, o ITMATI, a UDC e o Instituto
Matemático Interdisciplinar (IMI) da UCM. Tamén se contará coa
participación da Fundación Círculo, o INTA, e as empresas Inaer e
Elinsa.
As xornadas darán comezo
o luns 15 coa apertura oficial de actividades a cargo do vicerreitor
de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Ricardo
Cao. Tamén intervirá o delegado de Defensa na Coruña, José Abad
Vilas, e o catedrático de Matemática Aplicada e investigador do
CITIC, Carlos Vázquez, membro do comité organizador. A
continuación, falará a profesora e investigadora Peregrina
Quintela, directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática
Industrial, ITMATI. Tamén está previsto, xa pola tarde, que
interveña Bertha Guijarro, vicecoordinadora e responsábel
científico do CITIC, que falará sobre o labor do Centro de
Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións
(CITIC) e os seus proxectos de transferencia de coñecemento e
valoración de tecnoloxías.