O portal dixital da Oficina de Retorno entrará en funcionamento en febreiro

venres, 18 de xaneiro do 2019 Redacción

JPEG - 150.9 KB
Rodríguez Miranda na súa xuntanza con membros de VeneLugo

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, adiantou que o portal dixital da futura Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retornado entrará en funcionamento o vindeiro mes de febreiro, salientando que esta ferramenta pretende dar resposta a unha das inquietudes máis frecuentes e compartidas pola colectividade galega retornada.
O responsable da Emigración do Goberno galego renovou así o seu compromiso con todos os galegos retornados e, nomeadamente, cos membros da asociación de venezolanos de Lugo, VeneLugo, con que mantivo un encontro acompañado do xefe territorial da Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza, Ramón Carballo Páez, na sede da Delegación Territorial da Xunta de Galicia na capital lucense. Á xuntanza asistiron arredor dunha trintena de socios da agrupación, que está a realizar un labor fundamental de información e orientación a todos os galegos que regresan desde o exterior á comunidade autónoma.
Os integrantes do colectivo, liderados pola súa presidenta, Karin Mago, e pertencente á Federación de Venezolanos en Galicia (FEVEGA), expuxeron a Miranda algunhas das súas necesidades e dúbidas máis urxentes, entre as que destaca a creación dun órgano que canalice as cuestións relativas ao regreso dos galegos que viven fóra das nosas fronteiras e á súa integración social e laboral na Galicia territorial.

PUBLICIDADE