O portal Proxector celebra o Día da Ciencia en Galicia cun especial sobre agro sustentábel e saúde
mércores, 5 de outubro do 2022
Logo
das
súas pezas para revolucionar a educación, o portal galego
Proxector volve á palestra cun novo especial centrado na
sustentabilidade e na saúde (nosa e do planeta). Trátase do
monográfico en liña Divulgación
agropecuaria: na busca dunha despensa saudábel, no que se
homenaxea a Juan Rof Codina, científico galego ano. O especial
inclúe un vídeo TED de Svante Pääbo, premio Nobel de Medicina
2022.
Segundo
explican o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de
Santiago e o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia,
dependente do Consello da Cultura, entidades impulsoras do portal
Proxector, o especial encádrase nas celebracións do Día da Ciencia
en Galicia, unha efeméride na que a Real Academia Galega de Ciencias
homenaxea a Juan Rof Codina (El Prat de Llobregat, Barcelona, 1874 –
Lugo, 1967) como Científico Galego do ano 2022, recoñecendo
deste xeito a figura e o traballo de quen foi o impulsor da
veterinaria en Galicia e en España, e o ideólogo da modernización
do noso sector agropecuario.
“Esta
homenaxe”, explican, “bríndanos a ocasión de poñer de relevo
as virtudes e potencialidades do agro galego, mantedor indispensábel
da biodiversidade do planeta e da nosa despensa saudábel”. Na
selección ofrécese unha ducia de recursos que falan, desde
diferentes ópticas, dalgúns dos principais temas que ocuparon ao
noso Científico do Ano, como o benestar animal ou a mellora da
produción agrícola. Tamén se inclúen traballos sobre grandes
desafíos actuais da humanidade: o cambio climático e a saúde
alimentaria.
As
orixes de Proxector
A Universidade de Santiago puxo a andar
en 2015 unha iniciativa para compilar recursos educativos en galego.
Fíxoo a través do portal educativo Didactalia e só para o eido
universitario. En 2018 o Consello da Cultura Galega, a través do seu
Centro de Documentación Sociolingüística, súmase á iniciativa e
comeza a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como
na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son
propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o
Consello da Cultura Galega acordou asumir tamén a custodia dos datos
que foron compilados ao longo destes anos, que a partir de agora
estarán ao dispor da cidadanía a través de Proxector.