O portal Lingua.gal achéganos á vida, á obra e ás celebracións de Ricardo Carvalho Calero

xoves, 7 de maio do 2020 Redacción

O portal Lingua.gal, a web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, confírmase un ano máis como un recurso de primeira orde para consultarmos todo o relativo á celebración do Día das Letras Galegas, que este ano, coas circunstancias especiais e imprevistas que desencadeou o Estado de Alarma e a pandemia, vai adicado ao ferrolán Ricardo Carvalho Calero, un dos grandes autores do noso panorama literario e ensaístico do século XX e un dos máis sobranceiros defensores da posta en valor da nosa identidade común con Portugal e os países lusófonos.
O portal Lingua.gal preséntase como unha xanela informativa referencial sobre a vida e o legado de Carvalho Calero e tamén un punto de consulta da axenda institucional de actos conmemorativos previstos, unha axenda que é probábel que sufra cambios por mor da imposibilidade de celebrar o 17 de maio de xeito normalizado, pero que nos serve para dar conta do amplo consenso existente na sociedade do país arredor da importancia da figura do autor homenaxeado, cunha chea de entidades argallando diferentes accións complementarias (a propia Xunta, a asociación reintegracionista AGAL, o colectivo Egeria, o Concello de Ferrol, as tres universidades da nosa terra, o Parlamento, a Fundación Penzol, empresas como GADISA, VEGALSA-Eroski ou FEIRACO, a Escola Galega de Administración Pública, múltiples bibliotecas da nosa terra e unha manchea de concellos e institucións galegas e lusas, entre outras moitas institucións, organismos, asociacións ou empresas). Por certo que Política Lingüística contribuirá aos actos conmemorativos con iniciativas como por exemplo o programa de dinamización do galego FalaRedes, que levará espectáculos para toda a familia a unha manchea de concellos da Rede de Dinamización Lingüística, dando a coñecer o legado de Carvalho Calero.

PUBLICIDADE