O portal Abert@s achégalle á cidadanía información de interese sobre a Administración galega

luns, 26 de marzo do 2012 Raquel Noya

A Xunta de Galicia, na súa continua aposta por modernizar a Administración pública e avanzar positivamente cara unha cada vez maior transparencia informativa, vén de crear unha web na que dar acubillo a toda a información xerada pola Administración galega e os seus organismos, de maneira que poida ser reutilizada pola cidadanía e empresas interesadas.
Falamos de Abert@s, unha plataforma coa que se pretende recoller e poñer a disposición dos internautas todos cantos documentos sexan xerados pola Administración pública, mais iso si, en formatos abertos e estándar de xeito que, sen perder calidade e fiabilidade, poidan ser empregados con calquera programa informático.
Este catálogo en liña de información pública é de acceso libre e de balde, e contén tanto documentos en código privativo como artigos en formatos interoperables, seguindo así a liña do Plan FLOSS do Executivo de darlle “promoción, difusión e fomento ao emprego de tecnoloxías baseadas en software libre”.

Mar Pereira, José Antonio Campo e Manuel Borobio na rolda de prensa de presentación do portal Abert@s

Así o explicou esta mesma mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, quen adiantou que esta iniciativa de Open Data “supón un elemento xerador de emprego e riqueza ao abrir a posibilidade de novas oportunidades de negocio para emprendedores que poden crear novas aplicacións e prestacións en base a esta información”.
Segundo afirmaron os seus responsables, a ferramenta é especialmente útil asemade para a industria de contidos dixitais do noso país, onde os seus axentes “atoparán materias primas para crear novos produtos e servizos e aplicacións de valor engadido”.
Entre as posibles aplicacións que o empresariado e a cidadanía lle poden dar á información administrativa, financeira, xurídica ou económica xerada en torno a esta web, destacan os mapas de incidencias nas estradas, buscadores de oferta formativa, aplicacións para coñecer o estado das mareas, buscadores de farmacias de garda, transporte público en tempo real, mapas turísticos, mapas de equipamentos públicos... e todo un abano de posibilidades que se amplía conforme medra a creatividade e capacidade de innovación das persoas usuarias.

Catálogo inicial con 250 documentos
As primeiras informacións xa dispoñibles no portal Abert@s conforman un catálogo de 250 documentos de diferentes áreas de información, que van dende temas de carácter socioeconómico ata ciencia e tecnoloxía, ou educación e cultura, entre outras categorías.
Tamén se achegan datos do eido da Administración pública como directorios e contratación, así como unha terceira área de información xeográfica e do medio ambiente.