O polígono de Xinzo estrea Internet de 350 Mbps
venres, 8 de xuño do 2018
Seguen
adiante os traballos do Plan de Banda Larga da Xunta para introducir redes ultrarrápidas nos
polígonos que non contan con elas. O complexo máis recente en
sumarse á “comunidade” de polígonos galegos FTTH (Fiber To
The Home) é o de Xinzo de Limia, onde 17 empresas xa dispoñen
de acceso a Internet con velocidades de até 350 Mbps. Amais dos negocios do polígono
de Xinzo, máis de 50 empresas dos parques empresariais de Vilamarín,
Pontedeva e Vilar de Santos, ficarán conectadas a estas redes
ultrarrápidas ao longo de 2018. Ao remate, a previsión é subir ao
carro da Internet avanzada 11 parques ourensáns.
Estes
datos foron presentados este 8 de xuño no consistorio de Xinzo, da
man da delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e do
representante provincial do operador adxudicatario, Jacobo González de los Santos. Na
cita, na que participaron empresarios da bisbarra e máis ao alcalde
de Xinzo (Manuel López Casas), fíxose saber que as empresas dos
polígonos beneficiados, incluídas as 17 da área empresarial local,
poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica
cunhas velocidades de até 350 Mbps de baixada e 35 de suba, e cunha
garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
Na
cita tamén se avaliou o camiño percorrido polo Plan e o treito que
resta por cubrir. Xa se completou o despregue dos
ditos equipamentos en 61 polígonos da Comunidade e este ano
chegarase a 19 máis. “Deste xeito, en 2018, un total de 130
polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial
ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mbps”, cobertura que supón un investimento total
de 5,2 millóns de euros, dos que 3,4 son subvencionados pola AMTEGA
e co-financiados ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de
Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de Desenvolvemento
Rural de Galicia 2014-2020 (PDR).