O plan de mellora de cobertura móbil da Xunta iniciou as súas medicións en 94 concellos
luns, 10 de agosto do 2020
A AMTEGA en colaboración coa Asociación de Enxeñeiros de
Telecomunicacións de Galicia están
a realizar as medicións sobre o terreo nos 94 concellos que se adheriron á
iniciativa da Xunta para a mellora a cobertura móbil en zonas illadas.
Desde hai varias semanas o Plan entrou na fase de
verificación da calidade da cobertura coas medicións sobre o terreo e,
conxuntamente con Retegal, visitarase e comprobarase a idoneidade das parcelas
indicadas polas entidades locais, creando asà un mapa de zonas de actuación.
Unha vez rematado este proceso, que se prevé completar no
mes de setembro, os concellos que cumpran cos requisitos (carecer de cobertura
e poñer e dispoñer dos terreos adecuados) integraranse nun proxecto, que se
desenvolverá a través da construción de torres polo operador publico Retegal e
dunha convocatoria publica a operadores en concorrencia competitiva.
Con esta iniciativa a Xunta busca que todos os galegos
dispoñan de conexión de calidade independentemente de onde se atopen. As redes
móbiles, especialmente as redes 4G e no futuro as 5G, son as que aportan a
capacidade de estar conectados en calquera lugar no que se atope nese momento o
cidadán.
Esta actuación é complementaria ás accións de despregamento
de fibra óptica que tamén están en marcha e que garanten a cobertura de redes
de 100 Mbps para o 90% dos galegos en 2021.