O plan con publicidade de Netflix mellora as súas condicións

mércores, 19 de abril do 2023 Marcus Fernández

Dende o pasado mes de novembro Netflix conta cun plan de subscrición con anuncios en España que busca evitar a fuxida de usuarios, así como atraer a consumidores que non están dispostos a pagar as tarifas máis populares dos servizos de streaming, aínda que este plan básico contaba con serias limitacións como permitir a reprodución en só un dispositivos á vez cunha resolución de vídeo de só 720p, carecer dalgúns títulos dos que Netflix carece dos dereitos para emitilos con anuncios e ter unha menor compatibilidade de dispositivos (por exemplo, non funciona nas 3 primeiras xeracións de Chromecast).
En vista de que Netflix vai reforzar as medidas para evitar compartir contas de usuario a nivel mundial (anunciaron que no verán comezarán as restricións nos EE.UU.) queren pór a venda antes da ferida, e como medida estrela están a mellorar substancialmente o plan Básico con anuncios, que por 5,49 euros/mes líbrase das súas principais limitacións e agora ofrece vídeo en Full HD e soporta a reprodución até en 2 dispositivos á vez, ou sexa, que colócase moi preto do plan Estándar que custa 12,99 euros/mes, facendo máis xustificable a contratación dun plan con publicidade.
Aínda que o arranque do plan con anuncios foi bastante decepcionante (inicialmente tiveron que devolver parte dos cartos das campañas aos anunciantes por non ter subscritores dabondo) semella que colleu moita forza, e aseguran que xa resultan máis rendibles economicamente para a compañía os subscritores con publicidade que os que pagan polos plans sen anuncios, de aí que teña sentido que melloren as condicións do plan con anuncios, xa que así reteñen aos subscritores que xeran máis ingresos.

PUBLICIDADE