O piloto Víctor Prim, campión español de simulación, estará no rally Botafumeiro

xoves, 23 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

O rally Botafumeiro de Compostela vai contar coa presenza dun piloto referencial en plataformas e e en probas virtuais. Trátase de Víctor Prim, natural de Ponteareas, gañador do Campionato Español de Simulación e, por vez primeira, presente nun evento deportivo real (o devandito rally de Santiago).
Prim recibiu estes días o apoio do Concello de Ponteareas, máis en detalle do concelleiro de Deportes, Benito Márquez, quen o felicitou polo seu bo facer baténdose nos mandos dixitais cos mellores xogadores do ámbito estatal e desexoulle a mellor dos sortes para a cita compostelá.
O concelleiro tamén fixo un percorrido polos éxitos de Prim na CES Rally Academy e no Campionato Español de Simulación (CES), unha asociación que conta cunha traxectoria de máis de tres anos de experiencia e que se adica á xestión e organización de competición e evento de Simracing tanto virtuais como presenciais. O seu obxectivo final, lembrou o edil, é levar aos mellores pilotos virtuais a competicións reais e conta con máis de seiscentos xogadores rexistrados e máis de douscentos activos cada semana nas súas diferentes probas virtuais e con máis de 2.500 seareiros e usuarios e redes sociais.
Victor Prim correrá esta fin de semana do 24 e 25 o Rally Botafumeiro co equipo TRS. O piloto de Ponteareas chega até a reputada cita de Santiago logo de ter resultado campión na clasificación online para todas as plataformas, Xbox, PS4 e Steam (PC) que se desenvolveu os pasados meses de xuño e xullo.

PUBLICIDADE