O parche 1.2 de Cyberpunk 2077 adíase até finais de marzo

xoves, 25 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

O desastroso lanzamento de Cyberpunk 2077 está a obrigar a CD Projekt Red a traballar a marchas forzadas para corrixir os moitos erros que conten o seu ambicioso xogo, para o que tiñan programadas grandes actualizacións para os meses de xaneiro e febreiro, pero finalmente o parche 1.2 previsto para febreiro non chegará a tempo, e agora estiman que o seu lanzamento terá lugar na segunda metade do mes de marzo.
Este adiamento non é só molesto para os xogadores, que ven como teñen un xogo que claramente está roto, senón tamén para a propia editora do xogo, xa que actualmente Cyberpunk 2077 está fóra da tenda dixital de PlayStation, por culpa dos moitos fallos que presenta, e até que o xogo acade un nivel de calidade mínimo non permitirán o seu relanzamento.
Dende CD Projekt Red aseguran que o adiamento responde tanto ao grande volume da actualización (pois ten un volume moi elevado de fallos que corrixir) como ao feito de que se producise unha vulneración da seguridade dos seus servidores que ocasionou a filtración do código onte de varios dos seus xogos.
Confíase en que tras o parche 1.2 poidamos falar de que Cyberpunk 2077 é un título xogable, ao que aínda quedarían moitos pequenos detalles que corrixir, pero que acadaría un nivel o suficientemente digno para que parte do equipo de desenvolvemento poida comezar a traballar nas seguintes etapas do xogo, que supoñen o lanzamento de contido descargable de balde e da versión do xogo para consolas de nova xeración (xa que actualmente corre nesas máquinas grazas á retrocompatibilidade).
Ante este panorama podemos entender que o xogo chegou ás tendas practicamente un ano antes de tempo, o que é unha mágoa, xa que estragouse a sona dun título que podería lembrarse como un dos máis importantes da historia dos videoxogos en vez de como un dos grandes lanzamentos máis lamentables.

PUBLICIDADE