O pai da Rede rexeita calquera tipo de censura no ciberespacio

xoves, 30 de agosto do 2007 Matías Olazabal

A Rede é un reflexo da sociedade e por tanto non pode censurarse” vén de asegurar Vint Cerf, considerado un dos pais da Internet a BBC nun programa de radio ó falaren da proposta do bloque conservador británico que continúa a propoñer a censura de certos contidos na dita plataforma tecnolóxica, en especia aqueles de estrema violencia.

Nun artigo publicado pola BBC, o informático e logo doutor en ciencia asegura que se o problema son os contidos da Rede, entón a razón dos mesmos atópase fóra desta, na sociedade mesma, e explica este razoamento mediante o seguinte exemplo: “Cando temos un problema co que nos amosa un espello non tentamos amañar o espello senón o que sae reflectido nel”.

Outro dato a ter en conta segundo este especialista en redes é o feito de que a gran maioría dos contidos polémicos están feitos e pendurados polo mesmos usuarios, algo do que conclúe que “como sociedade temos traballo que facer: resolver os problemas que se manifestan na Rede”. Isto (di) non se vai solucionar coa censura, que unicamente “suprimiría o noso coñecemento acerca de aquilo que acontece realmente” na vida real.

No caso de que os usuarios de certos recursos ou sitios quixeran que se filtren contidos, este control podería facerse dende os “estremos” da información. É dicir: dende os filtros para usuarios, e nunca dende o medio, asegura Cerf, quen aclara que calquera persoa que regule contidos alén deste lugar sitúase a si mesmo nunha “pendente escorregadiza que podería limitar a liberdade de expresión”.

PUBLICIDADE