O observatorio OSIMGA aposta pola sinxeleza e a accesibilidade no seu novo portal

martes, 17 de xullo do 2018 Redacción

Un dos nosos principais recursos para tomarlle o pulso á Galicia dixital, o Observatorio para a Sociedade da Información (OSIMGA), está estes días de estrea: lucindo unha web renovada. Quen queira comprobalo poderá facelo na web www.osimga.gal, que ofrece un deseño moito máis gráfico e unha distribución dos elementos que posibilita meirande sinxeleza no acceso e máis no uso.
Tamén incorpora o deseño responsive que facilita a navegación dende diferentes dispositivos, e máis unha estrutura remodelada que se dirixe a garantir que as usuarias e os usuarios cheguen da maneira máis rápida e doada posíbel ao contido ou elemento que procuran.
Segundo lembra a axencia AMTEGA, da que depende o observatorio, o portal do OSIMGA é a principal ferramenta de difusión pública das actividades realizadas polo Observatorio como organismo de xestión, información e vixilancia da evolución da sociedade da información en Galicia. Este portal, engade a axencia, “é unha canle aberta de comunicación e difusión dos datos, informacións, estudos e outros materiais elaborados polo observatorio”.
En 2017, osimga.gal recibiu 121.878 visitas, un 5,2% máis que o ano anterior, e o número medio mensual de visitas ao web situouse en máis de 10.100.
O portal leva en marcha dende hai sete anos e, segundo lembra a axencia, os cambios e avances experimentados ao longo dese tempo fixeron necesaria unha remodelación na forma de presentar os datos e nos xeitos empregados para permitir o acceso a eles. Así, amais do cambio visual, realizouse unha reorganización dos contidos destacados, “de xeito que a lectura sexa máis limpa e clara”.
Entre as novas seccións, cómpre salientar o apartado de Estatísticas, que ofrece un Cadro de Mando cos principais indicadores da Sociedade da Información en Galicia, conforme ao Plan Galego De Estatística 2017 – 2011 da Comunidade Autónoma de Galicia. Outra novidade é a sección Informes, estudos coa información estatística máis ampla e detallada sobre as TIC existente en Galicia, cunha consulta sinxela por categoría ou anos.

PUBLICIDADE