O novo procesador de MediaTek rivaliza cos de Google e Apple

venres, 19 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Aínda que a guerra do mercado dos microprocesadores parecía protagonizada por compañías como Apple, Qualcomm e Intel, dende MediaTek levan un tempo gañando posicións no mercado e incluso poderían pórse en cabeza se atendemos ao anuncio do novo Dimensity 9000, que sería o primeiro procesador producido por TSMC con tecnoloxía de 4 nanómetros, o proceso de fabricación máis avanzado e eficiente até o momento.
O MediaTek Dimensity 9000 será o corazón de novos smartphones 5G de grande potencia, prometendo un magnífico desempeño en videoxogos, un bo procesamento de fotografías e vídeo e unha intelixencia artificial avanzada, o que debería convencer aos máis entusiastas da tecnoloxía.
Este procesador está baseado na nova arquitectura ARMv9, e a súa CPU de 8 núcleos inclúe un ARM Cortex-X2 a 3,05 GHz que en combinación coa nova memoria LPDDR5X (que acada velocidades de até 7.500 Mbps) suporá un rendemento impresionante nos momentos críticos, aínda que tamén conta con 3 ARM Cortex-A710 a 2,85 GHz para tarefas máis sinxelas e incluso 4 ARM Cortex-A510 para cando se pretenda conseguir eficiencia enerxética (e mellorar así a autonomía).
No apartado das cámaras, inclúe un ISP con soporte de HDR de 18 bits en cámaras triplas (ou sexa, que é capaz de gravar vídeo en tres cámaras con 3 exposicións por fotograma á vez) e soportaría incluso cámaras de 320 Mpíxeles.
Para xogos tamén contaría coa gráfica ARM Mali-G710 MC10 que soportaría raytracing baixo Vulkan para Android e tamén sería capaz de mover pantallas Full HD+ a 180 Hz.
No que a 5G se refire, o seu modem permitiría velocidades de descarga de até 7 Gbps mediante agregación, e tamén sería o primeiro modem en incorporar o estándar 3GPP Release-16 (que amplía o desempeño en frecuencias por debaixo dos 6 GHz). Tamén soportaría Bluetooth 5.3, Wi-Fi 6 2x2, Bluetooth LE Audio con soporte para auriculares true wireless estéreo (con dual-link).
En definitiva, que falamos dun dos procesadores para móbiles máis completos e potentes feitos até o momento, que aseguran que superaría en intelixencia artificial ao novo Google Tensor e que en desempeño multinúcleo chegaría a equipararse aos procesadores A15 dos iPhone 13, aínda que teremos que agardar a ver produtos con este procesador para verse realmente cumpre o que promete, quedando patente que Qualcomm terá que reaccionar rápido se non quere que os fabricantes aposten polo seu competidor máis directo para os seus dispositivos insignia.

PUBLICIDADE