O novo portal do OSIMGA integra un cadro de mando e posibilita a consulta interactiva de datos
mércores, 14 de maio do 2025
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) renovou o portal do Observatorio da Sociedade da (OSIMGA). A nova versión incorpora novas ferramentas para facilitar a busca e consulta da información de datos sobre a dixitalización de Galicia, segundo confirmou a axencia autonómica, engadindo que entre as principais novidades destaca a incorporación dun cadro de mando que emprega tecnoloxías de Business Intelligence para facilitar a consulta interactiva de datos.
Deste xeito, o cadro de mando permite aos usuarios elaborar gráficas e mapas personalizados coas desagregacións e rangos temporais que precisen.
Por outra banda, AMTEGA fixo saber que “o novo deseño mellora a experiencia de navegación e o acceso aos contidos audiovisuais que se foron incrementando nos últimos anos, coa publicación periódica de vídeos divulgativos”.
A nova estrutura do portal inclúe, tamén, resumos de todos os informes publicados con maquetacións máis dinámicas dos textos que acompañan as publicacións.
A nova portada da web de OSIMGA conta cunha escolma de datos actuais máis significativos, que permiten o acceso inmediato ás fontes de información de cada un destes indicadores. “A previsualización dos últimos informes e noticias que se inclúen na portada da web permiten agora un filtro por áreas”, salientou AMTEGA, engadindo que grazas a esta actualización todas as páxinas incorporan un buscador que facilita o acceso aos contidos, aplicando filtros avanzados por etiquetas, páxinas da web, idiomas ou termos.
A axencia tamén lembra que a web permite a descarga de todos os informes, cadros de indicadores e documentos en arquivos de formatos abertos para facilitar o seu uso e divulgación na sociedade.