O novo iPod shuffle le en voz alta os títulos e intérpretes dos temas que reproduce

mércores, 11 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Por sorpresa Apple renovou hoxe o seu pequeno iPod shuffle, reducindo o seu volume e o seu peso e incrementando a súa capacidade de 1 a 4 Gb, á vez que sorprendeu incorporándolle a tecnoloxía VoiceOver, que converte a este trebello no primeiro reprodutor multimedia que fala.
O novo shuffle chegará ás tendas nuns días e xa é posible reservalo. O seu prezo de venda é de 75 euros, sendo tamén posible adquirir o seu anterior modelo de 1 Gb de capacidade por 45 euros.
A revisión do iPod shuffle continúa a carecer de pantalla, polo que resulta incómodo coma reprodutor musical principal (estando optimizado para un modo de reprodución aleatoria), pero as súas reducidas dimensións (45,2 x 17,5 x7,8 mm incluíndo á pinza de suxeición), lixeiro peso (10,7 gramos) e elevada autonomía (ata 10 horas) o converten nun trebello ideal para levar pendurado da roupa para utilizalo en case calquera lugar.
Cómpre destacar que a xeración anterior do reprodutor contaba cunha autonomía de 2 horas máis, pero entendemos que a redución de peso e tamaño fixo imposible manter esa duración da batería que podemos cargar por USB.
Por outra banda, a tecnoloxía VoiceOver pretendería suplir a falta de pantalla do reprodutor, de xeito que cando o usuario preme o botón do reprodutor que activa tal función, escoitará polos auriculares unha voz que le o título e os intérpretes dos temas que estamos a reproducir sen detelo, axustándose ao idioma no que estean, de xeito que respectará a súa pronunciación. Soporta inglés, español, francés, italiano, portugués, mandarín, turco, checo, alemán, xaponés, holandés, grego, polaco e sueco, polo que entendemos que a meirande parte dos temas musicais que podemos gardar na súa memoria interna poderán identificarse correctamente (e no caso de que o sistema non identifique ben o idioma dunha canción, poderiamos indicarllo manualmente dende iTunes).

PUBLICIDADE