O novo correo lixo combate os filtros antispam e chega por novas canles de difusión

xoves, 7 de agosto do 2008 Raquel Noya

Segundo indica o último informe de Kaspersky Lab, empresa especializada no estudo e prevención de correo non desexado, sobre os resultados do segundo trimestre de 2008, “a guerra contra o correo lixo vén de entrar un período de relativa calma” pese a que os spammers están a incrementar a súa capacidade competitiva no mercado dos servizos spam co medre da calidade da publicidade enviada e non tanto con novos trucos que lle permiten evadir os filtros.
O propósito de mellorar o aspecto da súa publicidade inflúe nos métodos técnicos que empregan os creadores de correo lixo. Para eles é moi importante a tarefa de facer que cada “carta” nos envíos masivos sexa única, porque isto incrementa as posibilidades de evadir os filtros antispam. Antigamente, estes intentos conducían (con grande frecuencia) a que o texto se fixera practicamente ilexible. Máis nestes días, os spammers tratan de non perder o aspecto externo da publicidade e recorren con menos frecuencia aos trucos tradicionais, como a deformación do texto, a duplicación das letras...
Hoxe en día, segundo informa Kaspersky Lab, para conseguir que cada correo enviado de xeito masivo sexa único sen afectar ao texto, “os spammers cambian algúns caracteres na ligazón que leva ao sitio web promovido e reemprázanos con códigos de Unicode”.
Asemade, estes delincuentes virtuais seguen a atopar novas canles de difusión de publicidade como os foros e as redes sociais aos que hai que engadirlle as aplicacións ofimáticas en liña (Google docs) e os blogs de sistemas e correo nos cales publican anuncios.
Esta predisposición polas novas canles “está condicionado, non só pola popularidade que teñen estes servizos entre os usuarios, senón tamén polas deficiencias dos sistemas de defensa”.

PUBLICIDADE