O novo Moto G con 4G chegará a España a finais de mes

martes, 10 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Dende que o Moto G renovou o seu deseño o ano pasado incorporando unha pantalla de 5 polgadas gañou moito en popularidade, pero adoecía aínda da falta de conectividade LTE até o que a finais de xaneiro chegou a Brasil unha versión do terminal con 4G, que por fin veremos en España durante a última semana do mes a un prezo oficial de 195 euros.
Esta revisión do Moto G de segunda xeración non só inclúe 4G, senón que tamén conta cunha batería de maior capacidade, de xeito que en vez de 2.070 mAh, o novo terminal goza de 2.390 mAh, o que podería compensar o consumo adicional de ter unha nova banda á que atender, e incluso mellorar lixeiramente a autonomía con respecto aos modelos anteriores en certas condicións.
O Moto G 4G (2015) chega cun procesador Qualcomm Snapdragon 400 de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 32 GB), pantalla de alta definición de 5 polgadas con Corning Gorilla Glass 3, cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0 e, cando menos no modelo comercializado no Brasil, ten soporte para dúas tarxetas SIM.

PUBLICIDADE