O novo Asus Zenfone 3 Deluxe contará co novo procesador Qualcomm Snapdragon 821

martes, 12 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Parece que non son poucos os fabricantes que queren estar na liña de saída do novo procesador Qualcomm Snapdragon 821, e un dos primeiros en saír á palestra para presumir de que empregará o novo procesador de alta gama ao que aspirar será o Asus Zenfone 3 Deluxe, que contará co Snapdragon 821 no seu modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, mentres que o modelo con 4 GB de RAM e 32 GB de almacenamento conformarase co Snapdragon 820. Os prezos destes terminais serán de 24.990 e 15.900 dólares de Taiwán respectivamente (701,64 e 446,42 euros). Tamén está previsto que no futuro haxa un modelo con 128 GB de almacenamento interno, podendo ampliarse sempre a capacidade interna con tarxetas microSD de até 128 GB.
Se obviamos o feito de que o Zenfone 3 Deluxe se conforme cunha pantalla Super AMOLED Full HD de 5,7 polgadas, temos que estamos ante un dos smartphones máis avanzados do mercado, que presume dun deseño totalmente metálico con antena invisible (sen as típicas marcas que se puxeron de moda nos últimos terminais para evitar problemas de cobertura), loce un bisel cortado con diamante de só 1,3 milímetros e un grosor de entre 4,2 e 7,5 milímetros. Da súa conectividade podemos salientar que ten un LTE de categoría 13 (até 600 Mbps de descarga a través de 4G), Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, NFC e porto USB-C (USB 3.0) con soporte de carga rápida 3.0 (que pode cargar a súa batería de 3.000 mAh até o 60% en 39 minutos).
O Zenfone 3 Deluxe conta con lector de pegadas dixitais capaz de recoñecer até 5 dedos en calquera ángulo; tamén presume dunha cámara traseira de 23 Mpíxeles con sensor Sony, apertura f/2.0 e estabilización óptica de imaxe, protexida por unha lente de zafiro, que conta con tecnoloxía TriTech de enfoque automático. A súa cámara frontal tampouco está anda mal, e aparte de ter un sensor de 8 Mpíxeles, conta cun grande angular e unha apertura de f/2.0.
Este novo smartphone chegará ao mercado con Android 6.0 coa capa de personalización ASUS ZenUI 2.0, e claramente busca competir con smartphones insignia dos principais fabricantes.

JPEG - 71 KB
Os novos smartphones de Asus chegarán ao mercado en tres cores distintas

PUBLICIDADE