O noso sector da eSaúde participou nunha expedición a Israel

mércores, 20 de marzo do 2019 Redacción

O Clúster Saúde de Galicia (CSG), co apoio da Xunta de Galicia, está a promover a creación dun centro de innovación bilateral en eSaúde (Billateral Business Innovation Health Center, BBIHC) cunha delegación permanente en Israel, para fomentar os intercambios en sector sanitario, e máis a internacionalización e a innovación do mesmo. A plataforma permanente de colaboración é un dos principais resultados da Learning Expedition a Israel, que o Clúster Saúde de Galicia realizou entre o 11 e o 15 de marzo ao país grazas ao programa de axudas Galicia Exporta promovidas polo IGAPE con co-financiamento dos fondos FEDER. Na expedición galega participou o Centro de Investigación TIC, o CITIC, entre outros representantes senlleiros do noso tecido innovador.
Por exemplo Linknovate, Nanogap, Therapeutics, o Grupo Varpa, Selmark, aos que cómpre engadir o Centro Médico El Carmen, a Consellería de Sanidade, o IGAPE, a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) ou a Fundación Pública Galega Medicamento Xenómica.
Durante os días da misión, os seus representantes mantiveron máis de 15 encontros nas cidades de Xerusalén e Tel Aviv. Nas reunións descubriron innovacións e novas tendencias, amais de propoñer colaboracións e participar nunha concorrida sesión de networking que, segundo apuntaron as entidades organizadoras da experiencia, terá continuidade.
Polo CITIC participou na viaxe o representante do centro coruñés na plataforma europea ECHAlliance, Marcos Ortega, que estivo acompañado polo responsábel de desenvolvemento de negocio do Grupo Varpa, integrado no CITIC, Pablo Guillemette.
A axenda deses días estivo repleta de actividades, sendo as máis destacadas as visitas ao Centro Médico Hadassh en Xerusalén, ao Hospital Rabin en Tel-Aviv, á incubadora de empresas eHealth Ventures e ao Google Campus para novas firmas innovadoras de TelAviv. Ademais, tamén se mantiveron reunións bilaterais con empresas israelís do sector saúde.
Esta actividade intégrase na axuda do IGAPE ao Cluster Saúde de Galicia, denominada Apoio na promoción exterior conxunta das empresas: Convocatoria Pública Exporta Organismos Intermedios.

PUBLICIDADE