O negocio do sector dos contidos dixitais subiu un 16,3%

xoves, 17 de xaneiro do 2019 Redacción

O Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI), xestionado pola entidade pública Red.es, vén de publicar o seu máis recente informe sobre o estado de saúde da industria española dos contidos dixitais. No estudo salientan as cifras que moven ao optimismo, aínda que tamén resulta preocupante o feito de que as cifras deste sector suban a costa de facer que as doutras industrias decrezan (por exemplo o sector editorial tradicional). Como dato sobranceiro, atópase o seguinte: o volume de negocio do sector subiu un 16,3% e acadou 11.467 millóns de euros. Tamén medra o número de empresas, o emprego e o investimento, até chegar ás 9.785 compañías, 105.760 persoas e 655 millóns.
Por outra banda, o informe reflicte un importante avance do proceso de dixitalización dos sectores de videoxogos, vídeo e música a nivel mundial, con taxas de transformación cara aos novos métodos de xestión, comunicación, promoción e venda do 88%, 68% e 66%, respectivamente.
Sen saírnos do positivo, o estudo mostra un parámetro con datos positivos que levaba anos sen telos (dende 2012): por primeira vez dende hai case oito anos, o investimento en negocio dixital do sector dos contidos creceu, logrando unha cifra de 655 millóns de euros, un 9,2% máis que en 2016.
Videoxogos
Nun plano mis detallado, a industria española dos videoxogos continuou coa súa evolución positiva e alcanzou os 713 millóns de euros, un 15,6% máis que en 2016. Do total de ingresos xerados pola venda de produtos distribuídos a través de medios ou canles dixitais, os xogos para dispositivos móbiles descargábeis representaron en 2017 o 76,5%.
Música
En canto á música, a súa facturación ascendeu até os 247 millóns de euros, un 50,3% máis que en 2016. A comercialización de música a través de medios dixitais superou con distancia á venda tradicional, chegando a representar case o 61% das vendas de música.
Cinema e vídeo
O 71,5% dos ingresos xerados polo sector do cinema e do vídeo correspondéronse ao negocio dixital (3.443 millóns de euros, un 17,6% máis que en 2016). O informe salienta que un pouco menos da metade da facturación das actividades dixitais do sector do cinema e do vídeo en España concéntrase nas actividades de produción cinematográfica e de vídeo (44,3%).
Audiovisual
Respecto ao sector audiovisual, o observatorio destaca que en España a facturación das actividades de programación e emisión de televisión en 2017 situouse en 3.970 millóns de euros, un 7,7% máis. A televisión terrestre representou o 46,2% dos ingresos (1.836 millóns de euros), crecendo por cuarto ano consecutivo. O volume de negocio da TV IP, con todo, crece a pasos axigantados a partir de 2014. En 2017, esta modalidade xa representou un 32,7% dos ingresos totais do sector da televisión, cunha cifra de 1.298 millóns de euros (un 25,6% máis que o ano anterior).
Publicacións
As actividades dixitais procedentes do sector das publicacións alcanzaron un volume de negocio de 1.260 millóns de euros, un 74,3% máis que en 2016. A edición de xornais pasou a concentrar a maior parte da facturación de negocio dixital do sector das publicacións (42,4%), por diante da edición de libros (33,6%).

PUBLICIDADE