O monitor LG 43UD79-B pode amosar 4 fontes de vídeo á vez

martes, 2 de maio do 2017 Marcus Fernández

Aínda que ao describir a resolución dunha pantalla 4K o normal é dicir que pode acoller na súa superficie 4 pantallas Full HD, ver 4 imaxes simultaneamente non é o máis habitual, pero existen escenarios nos que pode resultar moi interesante como, por exemplo, para a monitorización de fontes de vídeo sen perda de resolución durante, por exemplo, a realización dun programa de televisión, de aí que resulte moi interesante o novo monitor de LG, o 43UD79-B, que presenta un panel IPS de ultra alta definición (ou sexa, 3.840 x 2.160 píxeles) cunha diagonal de 42,5 polgadas, con protección anti-reflexos, unha relación de contraste de até 1.000:1, un ángulo de visión de 178 graos e un brillo de 350 cd/m2 que sorprende pola súa conectividade, xa que, aparte de USB-C (que pode conectarse a u un ordenador para permitir o uso doutros 2 portos USB 3.0 para, por exemplo, un teclado, un rato ou unha unidade de memoria) e un porto DisplayPort, conta con 4 portos HDMI, ou sexa, que permite coller o sinal de 4 fontes de vídeo distintas e presentalas simultaneamente en pantalla. Tamén incorpora FreeSync e outras tecnoloxías orientadas a unha boa experiencia con videoxogos, de xeito que sería un produto tan válido para usos profesionais como para xogar.
Sorprende ver como un monitor de prestacións tan atractivas chegue ao mercado nipón o vindeiro día 19 a un prezo de 83.000 iens (678 euros), existindo incluso tendas nos EE.UU. que aceptan pedidos polo monitor a un prezo de só 697 dólares (638 euros), do que podemos entender que esta tecnoloxía será cada vez máis accesible.

O novo monitor de LG incorpora 4 entradas HDMI para poder presentar 4 fontes de vídeo simultaneamente

PUBLICIDADE